Máis da metade dos venezolanos que emigran do país buscan os Estados Unidos e España como destino

11/02/2019 12:59:27
Máis da metade dos venezolanos que emigran do país buscan os Estados Unidos e España como destino

No que atinxe a Galicia, máis de tres mil cidadáns venezolanos, chegaron durante o ano 2017  a esta comunidade, que é o 50% máis ca os que viñeron no ano anterior.

A gravísima crise política e institucional que vive Venezuela está acelerando o éxodo de cidadáns venezolanos cara a outros países. A principal vía de saída é a fronteira con Colombia, onde se estima que están asentadas máis de 600.000 persoas que fuxiron do réxime de Maduro. Pero todos os expertos alertan de que os datos son inexactos por conservadores e que as cifras reais superarían os 1,2 millóns. Porén, as cifras son de asentamento provisional, posto que a maioría dos que chegan a ese país, continúan logo a súa aventura migratoria buscando outro destino definitivo, con Estados Unidos e España como principal preferencia.

No que atinxe a Galicia, máis de tres mil cidadáns venezolanos (a metade galegos ou descendentes), chegaron durante o ano 2017 (último exercicio con estatísticas completas pechadas) a esta Comunidade, que é o 50% máis que os que viñeron no ano anterior. Na mesma data estaban asentadas aquí máis de 6.000 procedentes do país caribeño. A eles, tanto en Galicia como en España hai que sumar os que teñen nacionalidade española ou de outros países comunitarios, que son un colectivo moi numeroso, así como quen está en situación irregular despois de chegar como turistas, e dos que non constan cifras fiables.

Ao longo da súa historia como país, Venezuela careceu de emigrantes e foi tradicional receptor de inmigrantes, na maioría deles españois (canarios, andaluces e galegos sobre todo). O éxodo venezolano comezou hai sete lustros, en 1983, como consecuencia do colapso nos prezos do petróleo, que deu lugar ó venres negro no que o Goberno decidiu pechar os bancos para desvalorizar o bolívar por enriba do 40%. O país viviu episodios similares sucesivos cada poucos anos, destacando o tamén chamado “caracazo”, rexistrado en 1989, que provocou graves desordes de orde público e custou oficialmente 276 vítimas mortais, aínda que outras fontes apuntan a que en realidade foron máis de tres mil.

O acontecido en 1983 foi unha sacudida difícil de acreditar polos venezolanos, acostumados á época de vacas cheas grazas ás inxentes cantidades de dólares que o país ingresaba pola venda de petróleo, que multiplicou os gastos sen control e unha corrupción rampante. Lémbrao ben, Manuel Fernández, celanovés (o concello con máis persoas que marcharon para aquel país) emigrado de adolescente que empezou a traballar nunha granxa, pero que seis anos despois xa era propietario dun pequeno almacén de produtos agrícolas que fornecía ás facendas da contorna. Asentado e con ingresos, levou para alá á súa moza María, coa que previamente se casou por poderes, para comezar xuntos o seu proxecto de vida.

No devandito 1983, cunha fortuna considerable e dous fillos, nena e neno, de doce e dez anos, entendeu que era o momento de dar un cambio de rumbo e retornar a Galicia para consolidar o arraigo dos rapaces á terra que viu nacer ós pais. Empezou a desfacerse de propiedades e compartir negocios cedendo a xestión, ao tempo que trasladaba capital a España. Aquel venres 18 de febreiro, pechou a venda dunha explotación agrícola un millón de bolívares, que viñan a ser uns 29 millóns de pesetas ou 250.000 dólares. A operación formalizaríase o luns seguinte. No medio pasou o que pasou, e cando abriron os bancos a moeda sufrirá unha depreciación demoledora e 29 millóns de pesetas que valía apareceron convertidos en algo máis de 15.

“A miña muller e máis eu pensamos tolear; parecía incrible que a metade do valor no que tasáramos a venda esvaéusenos entre as mans nun par de días, sen que nós tiveramos nada que ver”, di Manolo –como o coñecen os que o tratan- con xesto de incredulidade a pesar do tempo transcorrido.

A raíz daquilo “deixei de acreditar en Venezuela e todas as operacións que fixen en adiante leveinas a cabo en dólares. Iso salvoume de perder o pouco que me quedaba alí en 1989 co “caracazo” no que a moeda se volveu a depreciar de xeito considerable”. Hoxe, xubilado, hai anos que non recibe un bolívar da parte de pensión que lle corresponde.

“Xa me dá igual, porque as cantidades carecen de valor, pero sinto moita pena polo gran país que coñecín e por moita xente que tiña boa posición económica e tivo que escapar ou por algúns que aínda están alá e pasan verdadeira necesidade”, di.

O éxodo non deixou de aumentar nas últimas tres décadas, pero nos últimos catro anos produciuse unha progresión xeométrica. So no bienio 2015-2017, o fluxo cara Colombia incrementouse un 1.132%, país que ten a saída natural máis doada dende Venezuela. A porcentaxe é menor que a rexistrada en Chile, onde aumentaron o número de venezolanos un 1.388%, pero con valores absolutos moito máis modestos. O Perú rexistra un incremento do 1.016%, O Brasil, que tamén ten fronteira con Venezuela, houbo un aumento do 922%; no Ecuador e na Arxentina un 344%. En Panamá un 268%, en Uruguai un 225%, en México un 104% e en España un 26%.

Compartir en Facebook
Valoración
Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí