CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Amancio Prada e Marietta, principais atraccións dun 'Luar' cheo de sorpresas neste Venres Santo

19/04/2019

O programa tamén ofrecerá humor co cuarteto Golden Apple e as actuacións de Cesáreo Torres, Cristina Eiró e Montse Gómez

Amancio Prada e Marietta, principais atraccións dun 'Luar' cheo de sorpresas neste Venres Santo

Santiago, 19.04.2019.-  Como cada venres, o ‘Luar’ (22.00 h.) ofreceralles aos seus espectadores as mellores actuacións musicais para amenizar a noite. Hoxe estará no espazo o cantautor Amancio Prada, natural do Bierzo e unha das voces máis recoñecibles na nosa lingua, destacando por riba de todo as súas adaptacións musicalizadas dos poemas de Rosalía. Prada, que tamén cultivou outros xéneros como o cántico espiritual, amosará o seu torrente de voz con dous dos seus temas máis emblemáticos: ‘Compañerita’ e ‘Nasín cando as prantas nasen’.

O programa presentado por Xosé Ramón Gayoso e Patricia Fernández Santana tamén contará coa presenza de Marietta, que comezou a súa carreira na compañía da célebre Ana Kiro. De feito, dedicoulle un disco a modo de homenaxe que leva por nome ‘Un sorriso que canta’ e que presentou o ano pasado. Hoxe interpretará temas moito máis festeiros como ‘Que digan misa’ e ‘Viva a festa’.

Polo escenario do ‘Luar’ tamén pasará a orquestra Passarela e haberá tempo para a música tradicional coa Banda de Gaitas Agarimo de Catabois e o grupo Pandereteiras do Tremuzo, que interpretarán 'Muiñeira de Lagares' e 'Maneo e xota de San Román', respectivamente. Tamén actuarán este venres Cristina Eiró, Montse Gómez e Cesáreo Torres, que intentarán poñer en pé o público interpretando ‘Nessum dorma’.

ler máis

O 'Galicia en Goles' ofrece este sábado un transcendental encontro para o Celta de Vigo contra o Xirona

19/04/2019

Amais doutros partidos decisivos para o fútbol galego, tamén serán protagonistas esta fin de semana na Radio Galega as citas deportivas do Obradoiro e do Breogán

O 'Galicia en Goles' ofrece este sábado un transcendental encontro para o Celta de Vigo contra o Xirona

Santiago, 19.04.2019.-  A Radio Galega ofrece este sábado unha edición extraordinaria de ‘Galicia en Goles’. Desde a 12.55 h., o programa deportivo da Radio Galega fará un amplo despregamento en Balaídos para a retransmisión do partido de Liga da Primeira División entre o Celta de Vigo e o Xirona. É outra final pola permanencia para o equipo vigués, que recupera a Iago Aspas. O rival vai de máis a menos e só ten unha vantaxe de dous puntos na clasificación respecto ao Celta. Roberto Carlos Carballo, Víctor López e Tomás Alonso encargaranse dos comentarios.

Logo da cita de Balaídos chegará outro encontro decisivo para o fútbol galego. No Anxo Carro, o Club Deportivo Lugo recibe un dos candidatos ao ascenso directo a Primeira División, o Granada. A vitoria en Córdoba confirma o bo momento do equipo que prepara Alberto Monteagudo, que confía en seguir sumando puntos nesta xornada repetindo a actuación de hai dúas semanas ante o líder, o Osasuna. Andrés Vieites, Emilio González e Rafa Porto trasladarán a emoción do xogo a toda a audiencia.

Na edición do sábado, ‘Galicia en Goles’ tamén contará o Obradoiro - Fuenlabrada, da Liga ACB; o Cangas-Rioxa, da Asobal; e as semifinais da Copa Galicia feminina de fútbol sala desde A Coruña.

O sábado tamén é o día de emisión doutros tres espazos deportivos na Radio Galega. Ás 12.00 h., Alfonso Pardo viaxa ata Carral para contar no ‘Convivir Deportivo’ os éxitos do club Alquimia, de patinaxe artística. Pola noite, ás 23.00 h., Rodrigo Pérez informará no ‘Gas a Fondo’ de toda a actualidade do motor. E ás 23.30 h., Toni López García continúa o ciclo de entrevistas aos galegos olímpicos no ‘Galicia en Toquio’.

O domingo, desde as 12.00 h., a sesión matinal de ‘Galicia en Goles’ atenderá o fútbol galego de segunda B: As Palmas Atlético - Coruxo e Celta B - Adarve. Ademais, contará a última xornada da Liga feminina, con atención especial ao Deportivo - Oviedo e ao Sárdoma - Victoria da Coruña. A final da Copa Galicia de fútbol sala feminino completa a oferta.

Desde as 15.00 h., o Deportivo - Estremadura marcará o ritmo da tarde deportiva cos comentarios de Javi Torres e Peli Cantoná. Xa non caben máis picadas en Riazor, porque ao remate da pasada xornada o cadro coruñés quedou fóra dos postos de fase de ascenso á Primeira División. O Rácing - Boiro de Terceira, o Breogán - Unicaja da ACB e as finais da Arousa Fútbol Sete son as outras citas da tarde.

Ás 23.00 h., Toni López García conducirá a mesa de debate de ‘Ao Contraataque’, programa que os oíntes tamén poden seguir en streaming a través de Mira RG na web radiogalega.gal.

ler máis

A TVG celebra os 25 anos do ‘Xabarín Club’ cun concerto do programa ‘Inimitables’ en que o protagonista é o porco bravo con máis sona

18/04/2019

Neste evento, o espazo (23.25 h.) xunta grupos galegos actuais que forman parte da Xeración Xabarín para cantar os temas máis emblemáticos do programa

A TVG celebra os 25 anos do ‘Xabarín Club’ cun concerto do programa ‘Inimitables’ en que o protagonista é o porco bravo con máis sona

Santiago, 18.04.2019.-  No ano 1994, o club Xabarín arrasa entre os nenos galegos e crea unha comunidade entre a rapazada. Os primeiros socios saben de memoria as cancións, os personaxes, viven os nervios o día do aniversario cando vían a súa foto na tele, pero… Que foi deles? E daquel Xabarín?

‘Inimitables’ quere homenaxear o Xabarín xuntando unha serie de grupos actuais na sala Capitol de Santiago de Compostela, formados por músicos que medraron coas cancións máis míticas do programa, aqueles nenos que hoxe son adultos cun vínculo común: a Xeración Xabarín.

Triángulo de Amor Bizarro, Ataque Escampe, The Lákazans, Som Do Galpom, Dakidarría, Monoulious Dop, Escuchando Elefantes, Broken Peach e Fondo Norte serán os encargados de versionar en directo as cancións, pero estará con eles o Xabarín, sempre atento a todo o que poida pasar...

O programa está feito por e para os socios de antes e de agora, aos que Arturo Fernández irá buscando por toda Galicia para que conten as súas vivencias máis persoais. Socios, pais de socios, socios médicos, estudantes, músicos, socios maiores e máis novos, todos teñen cabida no ‘Inimitables’ 25 anos do Xabarín. Ademais, no programa estarán caras coñecidas da TVG que tamén forman parte da xeración Xabarín, así como algúns dos creadores das cancións máis míticas, como Manquiña, Xurxo Souto ou Javi Maneiro.

Un ‘Inimitables’ non para nostálxicos, senón para aqueles que viven e senten o espírito transgresor, ledo e enérxico do porco bravo máis famoso do mundo: o Xabarín!

ler máis

No especial 'Land Rober: Xubilados por Galicia', tres parellas contarán como é a súa vida despois de retirarse

18/04/2019

Os seus testemuños irán acompañados dos mellores sketchs do matrimonio máis divertido do programa: Concha e Manolo (22.00 h.)

No especial 'Land Rober: Xubilados por Galicia', tres parellas contarán como é a súa vida despois de retirarse

Santiago, 18.04.2019.-      A Televisión de Galicia emite programa especial ‘Land Rober: Xubilados por Galicia’, en que as cámaras percorrerán toda a comunidade na busca de parellas de xubilados que conten como é a súa vida despois de retirarse. Todo isto, acompañado dos sketchs máis divertidos da parella máis simpática do programa: Concha e Manolo.

ler máis

O elenco de 'Malo será!', acompañado de Farruco, ofrece o seu espectáculo desde o Auditorio de Galicia, en Santiago

17/04/2019

Entre outras historias, os espectadores serán testemuñas dun embarazo histórico e dun frechazo de película nun bar

O elenco de 'Malo será!', acompañado de Farruco, ofrece o seu espectáculo desde o Auditorio de Galicia, en Santiago

Santiago, 17.04.2019.-      O Auditorio de Galicia, en Santiago, será esta semana o escenario de 'Malo será!' (22.20 h.), o programa itinerante da Televisión de Galicia que achega a televisión aos teatros de todo o país. Serán, coma sempre, dúas horas de humor cos mellores cómicos da escena galega como protagonistas, aos que se unirá como convidado especial o gran Farruco, o primeiro contacontos do noso país e un dos homes máis queridos en Galicia.

ler máis

A CRTVG celebra os 25 anos do 'Xabarín Club' lanzando unha web cos vídeos musicais da historia do programa

16/04/2019

Tamén se poden escoitar as sintonías das series míticas e os rapaces poderán ver á carta e en HD os seus debuxos animados favoritos

Ademais, este sitio, que irá medrando con novos contidos, ofrecerá o concerto de aniversario que se emitirá o xoves na TVG, coa participación de grupos actuais formados por músicos que medraron coas cancións máis icónicas do Xabarín

A CRTVG celebra os 25 anos do 'Xabarín Club' lanzando unha web cos vídeos musicais da historia do programa

Santiago, 16.04.2019.-     A piques de que se faga o 25 aniversario do ‘Xabarín Club’, que naceu o 18 de abril de 1994, a CRTVG segue de celebración e lanza www.xabarin.gal, unha web onde se poden escoitar os vídeos musicais do Xabarín e que irá medrando no tempo con novos contidos.

Este sitio web recollerá todos os ‘Xabaclips’ da historia do programa, máis dun cento, entre os que se atopan iconas como ‘Somos do clube da galega’; ‘Que ghallo é!’, de Herdeiros da Crus; ‘Non todo é o que parece’, de Aerolíneas Federales; ‘A onde vas rapaz’, de Siniestro Total; ‘Xa vén o Xabarín’, dos Diplomáticos de Monte Alto, e ‘Estou na lavadora’, de O Caimán do Río Tea.

Nesta ligazón tamén se poden escoitar as sintonías xa míticas das series favoritas do ‘Xabarín Club’, como ‘As Bólas Máxicas’, ‘Doraemon’, ‘Shin Chan’, ‘Dragon Ball’, ‘Marco’ e ‘O Sarxento Keroro’, entre outras moitas. A todos estes contidos tamén se pode acceder a través da nova canle de YouTube do programa.

Ademais, esta nova web pretende converterse nunha ferramenta de entretemento, xa que os máis pequenos da casa poderán ver á carta os seus debuxos animados favoritos, que estarán dispoñibles en HD na páxina web e tamén na app do Xabarín.

As distintas postais da historia programa e as ‘Xabaxiras’ que se realizaron ao longo dos últimos 25 anos tamén forman parte de www.xabarin.gal, sitio desde o que se poderá seguir, ademais, o concerto de aniversario que se emitirá este xoves na TVG. Este recital  xuntou na Sala Capitol de Santiago unha serie de grupos actuais, formados por músicos que medraron coas cancións máis míticas do programa, aqueles nenos que hoxe son adultos cun vínculo común: a Xeración XabarínTriángulo de Amor Bizarro, Ataque Escampe, The Lákazans, Som Do Galpom, Dakidarría, Monoulious Dop, Escuchando Elefantes, Broken Peach e Fondo Norte son os encargados de versionar en directo as cancións, e estará con eles o Xabarín sempre atento a todo o que poida pasar.

ler máis

A xornalista da CRTVG Alba Mancebo gaña o premio europeo ao Novo Talento en Pantalla

16/04/2019

Este galardón Prix Circom, que nesta edición bateu récord de candidaturas, 255 en doce categorías diferentes, entregarase nunha gala en maio no marco da Conferencia Anual en Serbia
 
Tras a serie ‘Matalobos’, que acadara o Premio á Mellor Ficción de TV en Europa, esta é a segunda ocasión en que a CRTVG recibe esta prestixiosa distinción internacional

A xornalista da CRTVG Alba Mancebo gaña o premio europeo ao Novo Talento en Pantalla

Santiago, 16.04.2019.- As televisións públicas rexionais europeas asociadas en Circom acaban de concederlle a unha profesional da CRTVG o prestixioso Premio Prix Circom ao Novo Talento en Pantalla (Young Talent on Screen), segundo acaba de facer público hoxe o organismo internacional. O galardón entregarase o próximo 30 de maio nunha gala que se celebrará no marco da 37 Conferencia Anual en Novi Sad, Serbia.

Para esta edición do certame, a CRTVG presentou unha selección dalgunhas das intervencións da xornalista vimiancesa Alba Mancebo diante das cámaras. Na súa curta traxectoria nos medios públicos galegos, Alba, de 26 anos, desenvolveu distintas tarefas nos espazos informativos, tanto para achegarlle á audiencia informacións de actualidade como intervir en apartados máis desenfadados do magazine ‘A Revista’ e mesmo nas redes sociais da Corporación, onde promove o uso da lingua galega cada semana cunha divertida sección denominada #instaGal.

Para a xornalista, gañar este galardón ábrelle un horizonte laboral moi atractivo, xa que o Prix Circom, ademais de outorgar un trofeo e certificado, posibilitaralle unha estadía nunha das 32 televisións membro de Circom, para aproveitar o bo facer doutra canle. “Estou moi contenta! Se non fose polas oportunidades que me están dando na CRTVG, non tería material para enviar a un certame coma este. E con moitas ganas de ir a Serbia”, sinalou ilusionada ao coñecer a resolución do premio.   

Esta é a segunda vez que a CRTVG acada un Prix Circom. A serie ‘Matalobos’, na categoría de Mellor Ficción de Televisión en Europa, supuxo en 2012, en Suecia, a primeira ocasión en que os medios públicos galegos obtiveron o prestixioso Prix Circom, o maior galardón internacional que o mundo da televisión lle concedeu á TVG na historia da canle galega. O programa ‘No bico un cantar’ e unha reportaxe de ‘Deporte extra’ foron tamén distinguidos, a posteriori, con respectivas mencións especiais no Prix Circom.

Este ano, o Prix Circom acadou un récord de presentacións, con 255 candidatas, repartidas entre 12 categorías. Circom, presente en 30 países europeos, anunciará o premio principal, Grand Prix, que é elixido entre estes gañadores, na propia gala do día 30 de maio.

ler máis

O tesouro das nosas hortas sérvelles aos 'Larpeiros' para elaborar un orixinal suflé de peixe sapo e grelos

16/04/2019

As reposteiras prepararán hoxe un pastel de amorodos, unha das lambetadas máis desexadas polos pequenos

O tesouro das nosas hortas sérvelles aos 'Larpeiros' para elaborar un orixinal suflé de peixe sapo e grelos

Santiago, 16.04.2019.- A conversa no almorzo da casa dos 'Larpeiros' (22.00 h.) está hoxe moi animada. Benigno lembra o importantes que son os peixes na súa cociña, sobre todo o bacallau. Para a convidada, a gran cociñeira guardesa Chus Castro, na súa casa non pode faltar unha lagosta. E falando e falando, Leni nomea o tesouro verde das nosas hortas: os grelos, unha das verduras máis características da cociña galega, empregada máis aló dos pratos clásicos. Chus deixa alucinados os comensais coa súa proposta: un suflé de peixe sapo e grelos. Benigno será o encargado de axudala para que o prato sexa todo un éxito.

Pola súa parte, Adrián, o larpeiro máis viaxeiro, irá ata Vilalba, na Terra Chá, para facer conservas de grelos, unha gran opción para poder comelos todo o ano. Divina, que dirixe a empresa familiar xunto ao seu pai, será a encargada de amosar todos os segredos desta arte. Esta experta en grelos argalla innovadoras receitas con este manxar.

E, para rematar un menú tan especial, as reposteiras Merchi e Leni prepararán un pastel de amorodos, unha das lambetadas máis bonitas, ricas e desexadas polos máis pequenos.

ler máis

A TVG ofrece, dentro do espazo ‘Bos días’, un debate electoral entre representantes do PP, PSOE, En Común-Unidas Podemos, En Marea e BNG

15/04/2019

Emitirase este martes, en directo, ás 10.00 horas, moderado por Fran L. Iglesias

A TVG ofrece, dentro do espazo ‘Bos días’, un debate electoral entre representantes do PP, PSOE, En Común-Unidas Podemos, En Marea e BNG

Santiago, 15.04.2019.-  Televisión de Galicia continúa co seu plan de cobertura electoral, cunha cita destacada este martes no espazo Bos días, que albergará en directo un debate, dunha hora de duración, coas forzas políticas con representación no Congreso, PP, PSOE e En Común-Unidas Podemos, amais das forzas políticas significativas, En Marea e BNG.

Participarán neste debate electoral da TVG Marta González, candidata número 2 do PP pola Coruña; Pablo Arangüena, número 2 pola Coruña do PSdeG-PSOE; Yolanda Díaz, candidata número 1 por Pontevedra de En Común-Unidas Podemos; Iván Olmos, número 1 por Ourense de En Marea, e Néstor Rego, candidato número 1 do BNG pola Coruña.

A orde de intervención para abrir o debate será primeiro o PP, a continuación o PSdeG-PSOE, En Común-Unidas Podemos, deseguido En Marea e, en último lugar, o BNG. Para pechalo, a orde será á inversa: comezará o BNG, seguido de En Marea, a continuación En Común-Unidas Podemos, logo o PSdeG-PSOE e, para rematar, o PP.

Unha vez iniciado o debate, ás 10.00 horas, os tempos non se marcan, son libres. Será Fran L. Iglesias o moderador que vele polo equilibrio das intervencións.

ler máis

Éxito de audiencia do primeiro concerto de 'Notas de jazz' da RG, que foi seguido por máis de 5.000 persoas a través de Facebook Live

15/04/2019

O grupo galego Sumrrá actuou na Casa das Crechas en Compostela no marco dos concertos Notas de jazz

Esta é unha das apostas da Radio Galega en redes sociais a partir dos contidos musicais, sendo o proxecto Medio Bolo outro dos seus piares de innovación
  

Éxito de audiencia do primeiro concerto de 'Notas de jazz' da RG, que foi seguido por máis de 5.000 persoas a través de Facebook Live

Santiago, 15.04.2019.- Radio Galega Música segue a establecer novas relacións coa audiencia aproveitando as posibilidades que permiten as ferramentas dixitais para achegar os sons galegos e os distintos xéneros musicais ao público máis novo. Nesta ocasión, os usuarios do Facebook da Radio Galega puideron gozar do concerto que o grupo galego Sumrrá, considerado un dos novos referentes do jazz contemporáneo, deu na Casa das Crechas en Santiago de Compostela.

A audiencia respaldou esta nova proposta, xa que  máis de 5.000 persoas seguiron nalgún momento a  actuación de Sumrrá a través de Facebook Live, arredor de 1.000 en directo. Ademais, o programa especializado en jazz dirixido por Xabier Facal acadou unhas 50 reaccións dos usuarios e foi compartido máis de 30 veces.

Os usuarios do Facebook da Radio Galega foron testemuña da actuación deste grupo de jazz, con seis discos ás costas e uns 20 anos de traxectoria. Neste recital, o trío compostelán presentou seu último disco, 6 mulleres, un álbum en que rende tributo a seis mulleres que foron e aínda son fonte de inspiración no reto dun futuro mellor. Nesta achega á loita feminista desde a música contemporánea, Sumrrá lembra a Rosalía de Castro, Frida Kahlo, Malala Yousafzai, Rosa Parks, Qiu Jin e Nawal El-Saadawi.

O concerto estará dispoñible nos audios da web da Radio Galega e na sección #cultura365 da páxina da CRTVG. En canto aos próximos concertos que se ofrecerán en Noite de jazz, neste mes de maio actuará Marcos Teira, guitarrista galego que fusiona o jazz co flamenco como sinal de identidade.


ler máis