CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A cantante e compositora portuguesa Luísa Sobral interpretará en 'Luar' as súas cancións íntimas e persoais

12/04/2019

Tamén estarán no programa deste venres o divertido trío Las Supremas de Móstoles e a artista Celia Flores, filla de Marisol e Antonio Gades

A cantante e compositora portuguesa Luísa Sobral interpretará en 'Luar' as súas cancións íntimas e persoais

Santiago, 12.04.2019.-  O programa ‘Luar’ (22.00 h.) recibe este venres unha das compositoras e intérpretes da nova xeración de músicos portugueses máis recoñecida dos últimos anos, Luísa Sobral, autora da canción ‘Amar pelos dois’, coa que o seu irmán Salvador gañou o Festival de Eurovisión en 2017. Cunha ampla discografía, varios éxitos de vendas e colaboracións de luxo con artistas internacionais, é unha artista aberta ao mundo, tanto na súa propia traxectoria coma compoñendo para outros cantantes como Elvis Costello ou Madonna. Sobral presentaralles aos espectadores da TVG o seu último traballo, ‘Rosa’, o seu disco máis persoal, maduro e íntimo, con cancións cheas de delicadeza, en que se resalta cada palabra e cada historia.

Tamén estará no 'Luar' deste venres o divertido trío Las Supremas de Móstoles, que animarán o público e a audiencia cos seus temas pegadizos e cargados de humor, e Celia Flores, á que a vocación lle vén de familia, xa que é filla da cantante Marisol e do bailarín Antonio Gades. A artista cantará temas do disco homenaxe que lle dedicou a súa nai.

Polo escenario do programa pasarán tamén a orquestra Monumental, a banda pontevedresa Back Stones, as Pandeireteiras Sobreiro, as formacións Ker Cuez e Os do 21, o grupo Hermanos Cosío, de folclore cántabro, os portugueses do Rancho Folclórico São Jõao Baptista de Nogueira e a A. F. Rosalía de Castro de Padrón, que interpretará o mítico ‘The final countdown’ de Europe con ritmos galegos.

Por outro lado, esta noite chegará un momento cumio no concurso ‘Recantos’, que comeza os oitavos de final, con 8 concursantes que se enfrontarán en tres roldas para decidir os/as 4 semifinalistas. Comezarán a competición Nere Blanco, procedente da Terra Chá, e Alberte Suárez, representante da comarca Ourense norte. No tempo de ‘Vai de Baile’, será a quenda dos Bailadores de Lago e dos Bailadores do Verdugo.