CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A tvG2 ofrece, en directo, o posible ascenso do Burela fútbol sala e a loita polo título do equipo feminino

12/04/2019

Este fin de semana tamén haberá tempo para os mellores partido de Segunda B

Sábado de fútbol na RG, coa narración do Atlético-Celta e Osasuna- Dépor, vitais para os equipos galegos

A tvG2 ofrece, en directo, o posible ascenso do Burela fútbol sala e a loita polo título do equipo feminino

Santiago, 12.04.2019.-  Nesta fin de semana, a oferta deportiva da CRTVG terá o fútbol sala como principal atractivo, xa que se poden confirmar o ascenso a primeira división do Burela e o título do equipo feminino.

A tvG2 ofrecerá en directo a partir das 17.30 horas o derbi galego Pescados Rubén Burela – Noia Portus Apostoli, partido que pode significar o ascenso do equipo lucense. Os homes de Juanma Marrube, con 9 puntos de vantaxe sobre o segundo, só precisan un empate para subir de categoría nun pavillón de Vista Alegre ateigado para a ocasión. En caso de que se produza o ascenso, a tvG2 ofrecerá en directo as reaccións dos protagonistas.

Ás 20.00 horas é a quenda do equipo feminino, que se enfronta ao Atlético Féminas no mellor partido da categoría e que decidirá o campionato. As galegas teñen unha vantaxe de 3 puntos e se gañan terían case asegurado o título de Liga. O partido tamén se poderá seguir en directo na web da CRTVG.

O domingo, o fútbol de Segunda B será a principal oferta deportiva nos medios públicos. Ás  12.00 horas os espectadores da tvG2 poderás seguir en directo o Celta B– Internacional de Madrid. O encontro tamén se poderá seguir pola web da CRTVG.

Ás 14.30 h. será a quenda para o montañismo, cunha entrevista con Félix Criado e Alex Txikon, centrada no seu intento de ascendo a un dos cumios máis altos do mundo, o K2, en pleno inverno

Pola tarde, a partir das 16.30 h., comeza “A liga das cidades”, cos mellores encontros de Segunda B. Os espectadores poderán seguir o Fabril – Atlético de Madrid B, un encontro difícil para o filial coruñés, que chega como pechacancelas da categoría. Máis tarde, a partir das 18.00 horas poderase seguir o derbi pontevedrés Coruxo – Pontevedra. Os encontros tamén se poderán seguir na web da CRTVG.

O ‘En xogo’ bota o peche da xornada deportiva, amosando todos os resumos da xornada e as declaracións dos protagonistas

 

Fútbol, fútbol sala e baloncesto, na Radio Galega

O ‘Galicia en goles’ celebra esta fin de semana o éxito de audiencia alcanzado no primeiro trimestre do ano. O primeiro Estudio Xeral de Medios sitúa o programa deportivo da Radio Galega como o preferido polos oíntes ao mediodía e na noite dos domingos, día en que suma 62.000 oíntes, tres mil máis que o sábado.

Para esta xornada, o equipo que dirixe Xoán Galán ten preparado un amplo despregamento nos partidos da Liga de Fútbol Profesional. O sábado a atención estará posta no Metropolitano, onde o Celta de Vigo, sen Iago Aspas, visita o Atlético de Madrid, sen Diego Costa. Tras saír dos postos de descenso, o equipo vigués buscará continuar coa súa boa xeira sen o seu xogador máis destacado.

Mentres, Martí debuta como adestrador do Deportivo da Coruña ante o líder da Segunda, o Club Atlético Osasuna, no Sadar de Pamplona, nun partido chave para as aspiracións de ascenso do equipo coruñés.

O fútbol sala completa a axenda do día coa posible festa do ascenso do Burela ante o Noia, en Vista Alegre, e a continuación o decisivo encontro entre o equipo feminino e o Atlético Futsi na loita pola Liga de Primeira División.

Ademais do ‘Galicia en goles’, a Radio Galega ofrece o sábado tres espazos deportivos máis. Ás doce do mediodía, Alfonso Pardo dedicará ‘Convivir deportivo’ á Agrupación Deportiva Tomiño. Pola noite, Rodrigo Pérez prenderá ás once os motores do ‘Gas a fondo’ e ás once e media Toni López García adicará o espazo olímpico ‘Galicia en Toquio’ á vela, conversando co vigués Nico Rodríguez.

O domingo, ás doce, a edición matinal estará centrada no Real Madrid - Obradoiro da Liga ACB, xunto ao Celta-Inter da Segunda B e o As Pontes-Castro de Preferente, en que o equipo local vai celebrar o regreso á Terceira División. Desde as tres menos cuarto, a edición da tarde retransmitirá o Córdoba-Lugo desde o Arcángel, un encontro decisivo para os dous equipos para permanecer na Segunda División A. A partir das sete e media, o programa dedicará toda a atención ao Estudiantes-Breogán, un encontro con sabor a final para escapar do descenso na Liga ACB de baloncesto.

Ás once da noite, a mesa de debate de ‘Ao contraataque’ completará a fin de semana deportiva. Este programa converteuse en líder absoluto de audiencia, cun seguimento de 48.000 persoas, segundo o último EXM. Os oíntes poden seguir este faladoiro a través da FM, TDT, radiogalega.gal e app, ademais de ver a emisión polo streaming Mira RG, unha plataforma en que poden poñerlle cara aos analistas que escoitan cada domingo.