CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Con 'A noite de Superpiñeiro', os espectadores coñecerán un pouco mellor un dos presentadores estrela da historia da TVG

15/04/2019

Artistas, músicos, amigos e compañeiros da televisión e do mundo académico farán un percorrido pola traxectoria persoal e profesional deste rostro icónico da Galega (22.05 h.)

Con 'A noite de Superpiñeiro', os espectadores coñecerán un pouco mellor un dos presentadores estrela da historia da TVG

Santiago, 15.04.2019.-  A TVG ofrece esta noite o programa especial 'A noite de Superpiñeiro', que lles permitirá aos espectadores coñecer un pouco mellor un dos presentadores estrela da historia da Televisión de Galicia, ver algunhas das súas mellores actuacións musicais e percorrer con Xosé Manuel Piñeiro os diferentes momentos da súa carreira profesional na Galega.

Coa intervención de amigos e compañeiros do mundo da televisión e tamén do mundo académico, coñecerase un pouco mellor o Piñeiro mestre e o Piñeiro amigo. Antigos compañeiros da Universidade Laboral de Ourense, onde traballou, colaboradores de moitos dos seus programas, tanto da Radio Galega coma da Televisión de Galicia, e artistas e músicos amosarán un Xosé Manuel Piñeiro descoñecido polo seu público.

Diana Nogueira, Paula Pérez e Isi lembrarán o seu paso polo mítico 'Supermartes'. Sonia López, Inma Morandeira e Juan Fuentes falarán da época do 'Acompáñenos'. Lucía Pérez, Tonhito de Poi e Sevi Martínez contarán as súas experiencias con Piñeiro en programas coma 'Téquele, Téquele' ou 'Tequelexou'. Tamén, do seu papel coma xurado no concurso de Recantos de 'Luar', darán testemuña Tania Fuegho e Manuel De Andrade e moitos máis amigos e compañeiros que quixeron falar da súa relación con Pi.

En definitiva, moitos colaboradores e amigos para coñecer un pouco mellor a traxectoria persoal e profesional do gran Super Piñeiro. Todo isto salpicado con diferentes actuacións musicais dun grande artista, coas que a audiencia da TVG gozará esta 'Noite de Superpiñeiro'.