CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Nace a nova Radio Galega Música, con espazos de autor e música en directo

13/02/2018

Hoxe, 13 de febreiro, a canle pública súmase á celebración do Día Internacional da Radio estreando programación e estratexia no ámbito dixital

A emisora aposta por novos formatos e retransmitirá festivais periodicamente, os primeiros, o Festival do Queixo de Arzúa e o FIV de Vilalba

 

Nace a nova Radio Galega Música, con espazos de autor e música en directo

Santiago, 13.02.2018.-     A Radio Galega Música renóvase. E faino estreando novo formato para adaptarse aos gustos da audiencia e para ofrecer un mellor servizo público arredor da actualidade musical galega e do mundo. Desde xaneiro xa se emite a nova fórmula musical, cunha selección de grandes cancións de Galicia, as novidades máis relevantes dos artistas galegos actuais, o jazz feito en Galicia e tamén o pop español e internacional. E desde hoxe, Día Internacional da Radio, reúne nunha nova programación a radio creativa e orixinal dos espazos de autor, a música en directo dos festivais e unha nova vía de comunicación co público no eido dixital.

Entre os programas de autor, ademais de 'Estudio 3', de luns a venres, emitiranse 'O Lobo Urbano' de rock con Charly Domínguez, os martes; a actualidade das bandas galegas con Xía Arias, os mércores en 'Onda Vital'; as músicas do mundo de 'Deriva Atlántica' con Pepe Carreira, os xoves; 'Notas de Jazz', con Xavier Facal, os venres; os éxitos musicais das últimas tres décadas en 'Fondos Reservados', con Moncho Lemos, os sábados; 'Tres Peixes Voando', con Xabier Díaz e Guillerme Fernández, os domingos; a música tradicional e folk en 'Lume na Palleira' con Emilio Españadero, os domingos; e os programas de Pablo Barreiro, 'Concerto Popular', sábado e domingo, e 'Allegro Moderato', os domingos.
    
Baixo a coordinación de Moncho Lemos, a Radio Galega Música renovada asume o reto de sumar audiencia e conquistar un espazo propio “nun ecosistema de radio atomizado que repite fórmulas clónicas, máis sen renunciar aos principios fundacionais de servizo público”, segundo explica a xefa de Programas da RG, Tania Fernández Lombao. “É imprescincible apostar por unha radio musical feita desde Galicia para a cidadanía galega, coas nosas particularidades, en que a música galega se amalgame con naturalidade con outras linguas, como o castelán, o inglés ou o portugués”, salienta Lombao.

Radio Galega Música prestará atención a contidos e xéneros como o jazz, o folk, o  indie, a electrónica e o rock, xusto cando Galicia está na vangarda pola creatividade e excelencia dos seus produtos musicais: “E farémolo potenciando os espazos de autor, que se reúnen desde hoxe na grella de Radio Galega Música, para lograr unha identidade propia e definida para un público que hoxe se considera desasistido de ofertas específicas”, remata.

A emisora abre unha nova relación coa audiencia e empregará para isto ferramentas dixitais para achegarse ao público máis novo, falando a súa linguaxe e utilizando formatos aos que están afeitos. Esa vía de traballo no ámbito dixital incluirá o emprego das redes sociais da canle, pero tamén emisións en streaming, podcasts dos programas de autor, listaxes de reprodución temáticas e emisións en Facebook Live e Youtube de miniconcertos dende os estudios da Radio Galega.

Programación en dous bloques: selección musical e espazos de autor
    
A programación articúlase en grandes bloques musicais. O primeiro, desde as 07.00 ata ás 20.00 h., aposta pola selección musical sen locutor e sen publicidade:    
-De 07.00 a 09.00 h., fórmula espertador con ritmos e estilos axeitados para arrancar o día.
-De 09.00 a 14.00 h., música para acompañar as actividades laborais.
-Á hora de xantar e primeiras horas da tarde, selección melódica uniforme, con temas de corte máis relaxado e cadencioso.  
-De 18.00 a 20.00 h., “RGM na túa volta á casa”, cunha selección musical tranquila e cálida.

No seguinte bloque do día, de 20.00 a 22.00 h. de luns a venres volve á grella o agardado espazo “Estudio 3”, en directo, dirixido por Ricardo Alonso, e a continuación os demais programas de autor que serán os espazos das prescricións musicais e acollerán o tratamento de temas en profundidade, entrevistas, presentacións, voces de protagonistas, recomendacións e tendencias.  
    
    Así mesmo, a emisora aposta pola música en directo e retransmitirá festivais periodicamente, os primeiros, o Festival do Queixo de Arzúa, o 3 e 4 de marzo, e o FIV de Vilalba, o 27 e 28 de abril, que se suman á retransmisión do Festival de Ortigueira, en xullo.