CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

O tesouro das nosas hortas sérvelles aos 'Larpeiros' para elaborar un orixinal suflé de peixe sapo e grelos

16/04/2019

As reposteiras prepararán hoxe un pastel de amorodos, unha das lambetadas máis desexadas polos pequenos

O tesouro das nosas hortas sérvelles aos 'Larpeiros' para elaborar un orixinal suflé de peixe sapo e grelos

Santiago, 16.04.2019.- A conversa no almorzo da casa dos 'Larpeiros' (22.00 h.) está hoxe moi animada. Benigno lembra o importantes que son os peixes na súa cociña, sobre todo o bacallau. Para a convidada, a gran cociñeira guardesa Chus Castro, na súa casa non pode faltar unha lagosta. E falando e falando, Leni nomea o tesouro verde das nosas hortas: os grelos, unha das verduras máis características da cociña galega, empregada máis aló dos pratos clásicos. Chus deixa alucinados os comensais coa súa proposta: un suflé de peixe sapo e grelos. Benigno será o encargado de axudala para que o prato sexa todo un éxito.

Pola súa parte, Adrián, o larpeiro máis viaxeiro, irá ata Vilalba, na Terra Chá, para facer conservas de grelos, unha gran opción para poder comelos todo o ano. Divina, que dirixe a empresa familiar xunto ao seu pai, será a encargada de amosar todos os segredos desta arte. Esta experta en grelos argalla innovadoras receitas con este manxar.

E, para rematar un menú tan especial, as reposteiras Merchi e Leni prepararán un pastel de amorodos, unha das lambetadas máis bonitas, ricas e desexadas polos máis pequenos.