CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Éxito de audiencia do primeiro concerto de 'Notas de jazz' da RG, que foi seguido por máis de 5.000 persoas a través de Facebook Live

15/04/2019

O grupo galego Sumrrá actuou na Casa das Crechas en Compostela no marco dos concertos Notas de jazz

Esta é unha das apostas da Radio Galega en redes sociais a partir dos contidos musicais, sendo o proxecto Medio Bolo outro dos seus piares de innovación
  

Éxito de audiencia do primeiro concerto de 'Notas de jazz' da RG, que foi seguido por máis de 5.000 persoas a través de Facebook Live

Santiago, 15.04.2019.- Radio Galega Música segue a establecer novas relacións coa audiencia aproveitando as posibilidades que permiten as ferramentas dixitais para achegar os sons galegos e os distintos xéneros musicais ao público máis novo. Nesta ocasión, os usuarios do Facebook da Radio Galega puideron gozar do concerto que o grupo galego Sumrrá, considerado un dos novos referentes do jazz contemporáneo, deu na Casa das Crechas en Santiago de Compostela.

A audiencia respaldou esta nova proposta, xa que  máis de 5.000 persoas seguiron nalgún momento a  actuación de Sumrrá a través de Facebook Live, arredor de 1.000 en directo. Ademais, o programa especializado en jazz dirixido por Xabier Facal acadou unhas 50 reaccións dos usuarios e foi compartido máis de 30 veces.

Os usuarios do Facebook da Radio Galega foron testemuña da actuación deste grupo de jazz, con seis discos ás costas e uns 20 anos de traxectoria. Neste recital, o trío compostelán presentou seu último disco, 6 mulleres, un álbum en que rende tributo a seis mulleres que foron e aínda son fonte de inspiración no reto dun futuro mellor. Nesta achega á loita feminista desde a música contemporánea, Sumrrá lembra a Rosalía de Castro, Frida Kahlo, Malala Yousafzai, Rosa Parks, Qiu Jin e Nawal El-Saadawi.

O concerto estará dispoñible nos audios da web da Radio Galega e na sección #cultura365 da páxina da CRTVG. En canto aos próximos concertos que se ofrecerán en Noite de jazz, neste mes de maio actuará Marcos Teira, guitarrista galego que fusiona o jazz co flamenco como sinal de identidade.