CRTVG

Buscar

Está pasando

Os sindicatos do metal coruñés destacan un aumento do apoio na segunda xornada de folga

27/06/2017 21:38

A segunda xornada da folga do metal na Coruña volve paralizar a actividade nos polígonos industriais segundo os sindicatos que destacan un aumento do apoio entre os traballadores. A patronal baixa o seguimento ó 15 por cento. 

ler máis

Captadores de socios de MSF protestan acampados fronte a súa sede

27/06/2017 21:37

 Dende este serán, un grupo de captadores de socios de Médicos Sen Fronteiras acampa fronte a sede da ONG en Galicia, en Santiago, en protesta pola precariedade laboral. Denuncian un incremento da esixencia mínima do rendemento a final de mes que porían en perigo o traballo do 80 por cento dos traballadores.  Os traballadores, sindicados en Comisións Obreiras, expresaron a súa vontade de seguir acampados ata que se paralice a cláusula de obxetivo, pendente do que resolva o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. 

ler máis

Novo ciberataque masivo

27/06/2017 19:52
Un virus informático atacou hoxe a empresas e insitucións de todo o mundo. Aqui en España, Cataluña foi a comunidade máis afectada. O virus comezou en Rusia e Ucraína e pronto se propagou os demaís países.

A lista de afectados ascende a oitenta e entre eles está España. No noso páis
a naviera Maersk, que opera en Cataluña, tivo que modificar a súa actividade no porto de Barcelona por mor do virus despois de que caíran os sistemas informáticos dos seus negocios.

Tamén a constructora Saint Gobain denunciou ser vítima deste ciberataque.
Os expertos sinalan que este novo virus é similar o que afectou en maio a centos de sistemas de todo o mundo pero máis profesional.
ler máis

O xuíz da causa de Angrois mantén a imputación de Cortabitarte

27/06/2017 19:10
O xuíz que instrúe a causa do accidente de Angrois mantén a imputación a Andrés Cortabitarte, o exdirector de Seguridade de Adif, por 80 supostos delitos de homicidio por imprudencia.

O intrutor tamén requiriu un informe á Axencia Ferroviaria Europea para saber se era obrigatorio facer unha análise integral do risco na liña Ourense-Santiago.

O xuíz Andrés Lago Louro pregunta á Axencia Ferroviaria Europea se se debería ter feito unha avaliación integral dos riscos da liña, tanto antes como despois da súa posta en marcha, e tralas modificacións introducidas pra convertela nunha vía de alta velocidade.

Tamén pregunta se se debería ter en conta, segundo di nun novo auto, " a situación de perigo existente na curva de Angrois".
Ademais, o xuíz pídelle á Axencia Europea que se pronuncie sobre a exportación de riscos ó maquinista, é dicir, se nesa avaliación do perigo se debía ter en conta o factor humano.

Con respecto a resolución das novas imputacións solicitadas polas vítimas, o instrutor di estar á espera do que resolva a Audiencia Provincial da Coruña.
A Plataforma de Afectados quere que se investigue a outros tres altos cargos do Adif.
ler máis

Os estibadores suspenden a xornada de folga convocada para este xoves

27/06/2017 17:10
Os estibadores suspenden a xornada de folga convocada para este xoves o convocarse para ese mesmo día unha nova xuntanza coa patronal.
Así e todo, manteñen a convocatoria de paros para o día 30 de xuño e primeira semana de xullo.

Despois de varias xornadas de paros os estibadores continúan reclamando garantías para o mantemento dos seus postos de traballo despois da liberalización do sector.
ler máis

Controlado o incendio de Doñana

27/06/2017 16:20
Controlado o incendio que dende o sábado afecta ó parque de Doñana, en Huelva. Unhas dúascentas persoas que foran desaloxadas poden xa volver ás súas casas.

Dende a Junta de Andalucía explican que o incendio puido ser controlado grazas as boas condicións meteorolóxicas e a que os traballos continuaron durante a pasada noite. Varios efectivos van continuar refrescando os puntos quentes. Mañá coñeceranse os datos oficiais da superficie total calcinada.
ler máis

A Xunta chama á responsabilidade ante o incumprimento dos servizos mínimos na folga do transporte de viaxeiros

27/06/2017 13:13
A Xunta fai un chamamento á responsabilidade ante o incumprimento dos servizos mínimos na folga do transporte de viaxeiros. O paro está tendo un seguimento masivo e das estacións practicamente non sae autocar ningún nesta nova xornada de folga.

A conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, reuniuse esta mañá co seu homólogo en Castela e León, onde o modelo de transporte que propón a Xunta (e contra o que protestan os sindicatos) leva catro anos funcionando. Isto é, a integración de viaxeiros no transporte escolar.

A conselleira reitera a oferta de Xunta de falar sobre ese plan pero, apunta, NON a tres bandas porque -di Ethel Vázquez- os intereses dos sindicatos e das empresas son contrapostos.

A xornada de folga no transporte sáldase cun detido en Ourense. É un membro dun piquete informativo. Acúsano de picar dúas rodas dun autobús que estaba circulando.
ler máis

Ciudadanos presenta a súa proposta para regular a maternidade subrogada

27/06/2017 13:10
Ciudadanos propón que a maternidade subrogada sexa unha práctica altruísta, que estableza só unha compensación económica para os gastos do embarazo.

Ademais queren que as mulleres que cedan o seu ventre teñan máis de vinte cinco anos. A formación laranxa presentou esta mañá no Congreso unha proposición de lei pra regular a xestación subrogada.
O seu presidente, Albert Rivera pídelle ó resto de partidos que dean liberdade de voto ós seus deputados no Congreso para que voten en conciencia.

Con todo, Ciudadanos ten difícil os apoios. O PSOE aprobou, no seu novo ideario político, opoñerse á maternidade subrogada. No PP, onde houbo voces que se posicionaron a favor, marcaban posicións ante a proposta de Rivera. Rafael Hernando, voceiro do PP no Congreso, avanza o voto en contra.

En Podemos o debate está aberto.
ler máis

A Xustiza europea cre que as exencións fiscais da Igrexa poden ser axudas estatais prohibidas

27/06/2017 12:14
O Tribunal de Xustiza da Unión Europea cre que as exencións fiscais que ten a Igrexa Católica en España poden ser consideradas axudas estatais prohibidas se se outorgan en relación con actividades económicas como o ensino non subvencionado.

A corte comunitaria precisa nunha sentenza que as actividades de ensino non subvencionadas polo Estado español, como o Bacharelato, "parecen revestir carácter económico", pois fináncianse mediante o pagamento das matrículas e mensualidades dos alumnos.

O Tribunal pronúnciase neste sentido ante un caso presentado ante a xustiza española por unha congregación da Igrexa responsable dun colexio relixioso de Madrid. A agrupación invoca o acordo entre España e O Vaticano de 1979 para solicita-la devolución dun imposto municipal por importe de case 24 mil euros.
ler máis

A Comisión Europea multa a Google por abuso de dominio

27/06/2017 12:08
A Comisión Europea multa a Google por abuso de dominio. E ponlle a maior sanción que recibiu nunha unha soa compañía: preto de dous mil cincocentos millóns de euros.

Segundo explica o Executivo comunitario, Google abusou do seu posicionamento dominante como motor de buscas en internet. Concretamente teríalle dado ventaxas ilegais ó seu servizo de comparación de compras.
ler máis

Moisés Blanco deputado do PPdeG no Parlamento de Galicia: " Estamos a disposición de chegar a un gran acordo sobre prevención de incendios cos grupos que queiran facelo e non só de titular"

27/06/2017 11:14
O deputado popular, Moisés Blanco, destaca que Galicia ten un " bo protocolo de actuación" pra combatir os incendios forestais e pon en valor que se destinen preto de 105 millóns de euros na loita contra o lume.

Na entrevista dos Almorzos do Galicia por Diante, o presidente da Comisión 7ª de Agricultura, Alimentación, Gandeiría e Montes do Parlamento de Galicia, apunta que o persoal ten experiencia e " contamos cun gran servizo. O que temos é que traballar entre todos e que se involucren tódalas administración e a sociedade para avanzar nas políticas de protección e limpeza e de concienciación".

Despois de que os grupos da oposición cuestionasen o Plan de Prevención e Defensa Contra os Incendios Forestais de Galicia, o PLADIGA, Blanco pide responsabilidade e afirma que " estamos a disposición de chegar a acordos cos grupos políticos que queiran facelo non só de titular, senón apostar por un gran acordo".


Blanco, voceiro do grupo parlamentario popular nas áreas de Innovación e de Novas Tecnoloxías, pon en valor o traballo de AMTEGA e da Xunta de Galicia en dotar a Galicia e ó rural dun mellor acceso ás novas tecnoloxías e apunta que " a dispersión e a orografía dificultan moito o despegue das novas tecnoloxías e é aí onde incide o goberno de Galicia". Así destacou que " agora estamos traballando en pasar da conectividade básica á conectividade de gran calidade. Antes do 2020 ten que haber conexión de canda menos 30 megas".

Moisés Blanco considera que a aposta polas novas tecnoloxías no rural é unha mostra máis de que esta lexislatura é a " do rural".

Apunta que o sector TIC en Galicia é moi " potente" con máis de 2.400 empresas e 16.000 traballadores.

Sobre a folda do transporte en Galicia, Blanco di que respecta o dereito a folga pero di que tamén é importante que se respecte o cumprimento dos servizos mínimos. Asegura que a conselleira, Ethel Vázquez, está a desenvolver reunións para " poder mellorar un servizo que é fundamental para vertebrar o medio rural" e apela á responsabilidade ante so que " se poñen en posturas de imposicións, de non reunirse, case de coaccións". Defende que o novo plan de transporte "é bo e benefioso sobre todo para o rural".


Moisés Blanco, que repite nesta lexislatura como deputado por Ourense, celebra o novo ton que hai na Cámara do Hórreo porque admite " a primeira lexislatura foi un pouco abraiante. Chamáronnos fascistas. O ton mudou nesta segunda lexislatura". Cuestionado se hai marxe para o consenso e os acordos, apunta que " hai marxe para chegar a acordos pero dame a sensación de que os grupos políticos non o queren, atopan excusas de menor entidade para seguir opoñéndose ó que presenta o grupo maioritario na Cámara ou o goberno da Xunta".
ler máis

Morre un motorista nun accidente en Vilagarcía de Arousa

27/06/2017 11:12
Un mozo de trinta anos morreu no accidente de tráfico que se rexistrou onte á noite na estrada que une Vilagarcía de Arousa con Santiago, á altura de Bamio. O sinistro ocorreu contra á medianoite.

Bateron un coche e unha moto. O motorista foi trasladado a un centro hospitalario en estado moi grave e morreu pouco despois.
ler máis

Practicamente non circulan autobuses en Galicia por mor da folga do transporte de viaxeiros

27/06/2017 10:15
Volve ser xornada de folga no transporte de viaxeiros. Ó igual que ocorrera hai unha semana, as estacións de autobuses están practicamente sen actividade porque nin se están cumprindo os servizos mínimos.

Desta volta os nenos xa acabaron as clases e, polo tanto, a folga NON afecta ó transporte escolar pero, aínda así, prevese que o paro que comezou esta mañá teña unha incidencia importante.

Os usuarios quéixanse de falta de información.
ler máis

Bankia absorbe o Banco Mare Nostrum

27/06/2017 09:57
Novo movemento no panorama financeiro....

Bankia absorbe ó Banco Mare Nostrum, a entidade que naceu da fusión de Caja Murcia, Caixa Penedès, Caja Granada e Sa Nostra.

Bankia valora o BMN en 825 millóns de euros e, segundo o acordo ó que chegaron ambas entidades, os accionistas do banco absorbido recibirán unha acción de Bankia por cada oito títulos do Mare Nostrum.

Despois desta operación, Bankia contará con máis de dúas mil cincocentas oficinas. O presidente da entidade destaca que Bankia sae reforzada como cuarta entidade no mercado español.
ler máis

Aviso dos EUA ao réxime sirio, que "podería preparar outro ataque químico"

27/06/2017 07:04

O Goberno de EEUU alerta de "posibles preparativos" do réxime sirio para lanzar un novo ataque con armas químicas no país, e di que "probablemente suporía o asasinato en masa de civís, incluídos nenos inocentes". Avisa de que -se iso sucede- o presidente Bachar Al Assad e as súas Forzas Armadas "pagarán un alto prezo".

É o que afirma -vía comunicado- o portavoz da Casa Blanca. Sean Spicer non dá detalles e limítase a explicar que as actividades detectadas son "semellantes" ás que o réxime levou a cabo antes do ataque químico de abril. Daquela, Donald Trump respondeu ordenando bombardear a base aérea desde a que se supón saíran os avións que lanzaron o gas tóxico que matou uns 90 civís, moitos deles cativos. Damasco negou ser a responsable.

ler máis

A ONU di que xa están no seu poder todas as armas das FARC

27/06/2017 03:29

A Misión da ONU en Colombia asegura que xa ten no seu poder as 7.132 armas individuais das FARC.

Anúnciao un día antes do acto no que se dará por concluído o proceso de desarmamento da guerrilla. Un acto simbólico no que participarán o presidente do país, Juan Manuel Santos, e o xefe das FARC, Rodrigo Londoño, "Timochenko".

No calendario pactado pola guerrilla e o Executivo, quedan ainda por desactivar os máis de 900 agochos nos que as Forzas Armadas Revolucionarias de Colombia teñen armamento, municións e explosivos, que deben quedar en mans de Nacións Unidas antes do 1 de setembro.

ler máis

A Fiscalía denuncia ao presidente do Brasil por corrupción

27/06/2017 01:51

A Fiscalía de Brasil denuncia ó presidente do país por corrupción pasiva (aceptación de suborno). É a primeira vez que un mandatario do país no exercicio do seu cargo é acusado formalmente de cometer delitos de tipo penal.

O Ministerio Público presentou a denuncia días despois de que a Policía Federal, a cargo das investigacións, lle remitise ó Supremo un informe afirmando que hai "serios indicios" de que Michel Temer incorreu "con vigor" en prácticas corruptas das que obtivo comisións ilegais. Noutro informe entregado este luns di tamén que tentou obstaculizar as pescudas.

Un xuíz do alto tribunal debe analizar agora a denuncia e, se a considera procedente, remitila á Cámara Baixa: se dous terzos do pleno a avalan, Temer sería suspendido das súas funcións durante seis meses para ser xulgado; se a rexeitan o caso quedará arquivado.

ler máis

O alcalde de Monforte, reprobado

27/06/2017 01:39
Tal e como se prevía, o pleno municipal do concello lucense de Monforte reprobou ó alcalde, o socialista José Tomé. Foi nunha sesión moi tensa, con intercambio constante de reproches entre a oposición e o grupo de goberno.

A moción apoiárona o PP, Esperta Monforte e os catro edís escindidos do BNG; o único concelleiro do Bloque abstívose, e os seis do PSdeG votaron en contra.
ler máis

Os socialistas comezan a celebrar o triunfo en Albania

27/06/2017 00:09

Escrutados o 84% dos votos das parlamentarias do domingo en Albania, os militantes e simpatizantes socialistas comezan a celebrar a vitoria. O Partido Socialista do primeiro ministro Edi Rama obtería o 48% dos apoios, polo case 29% do seu principal rival, o conservador Partido Democrático; iso traduciríase en 73 deputados dos 140 da Cámara.

Á espera de completar o reconto, algo que se espera para hoxe, os socialistas impuxéronse na capital, no centro e no sur do país. O primeiro ministro aínda non se pronunciou, pero si o fixo un dos dirixentes da formación, que falou de "vitoria histórica" que demostra que os albaneses votaron para darlle ó Goberno un ritmo novo, para ter un Estado e unha economía máis forte e máis emprego.

A participación foi de só o 46%, unha das máis baixas desde a caída do comunismo en 1991. A Organización para a Seguridade e a Cooperación en Europa (OSCE) di que, tendo en conta como trascorreron os comicios,Albania deu "un paso significativo cara a normalidade no seu camiño cara UE", pero amosou a súa "decepción" porque tamén "se repetiron prácticas do pasado".

ler máis

Portugal ordena investigar o sistema de comunicacións de urxencia logo do lume que matou 64 persoas

26/06/2017 23:49

O Goberno de Portugal   ordena investiga-lo sistema  de comunicacións  que coordina ás forzas de seguridade  e ós efectivos  urxencias. Protección Civil admitiu, o venres pasado, que a rede comezou a fallar na mesma tarde na que se desatou o lume en Pedrógão Grande  no que faleceron 64 persoas.

ler máis