CRTVG

Buscar

Está pasando

O acusado de matar a muller cando estaba hospitalizada en Ourense di que non lembra nada

19/06/2017 11:45

O acusado de matar a súa muller a coiteladas mentres estaba hospitalizada en Ourense declárase inocente. O home dixo esta mañá no xuízo que non lembra nada do ocorrido hai pouco máis de dous anos no Complexo Hospitalario. Tampouco se acorda, di, da agresión que sufrira a muller un mes antes na casa e da que tamén está acusado.

Aniceto Rodríguez, de 77 anos, enfróntase a penas de prisión de ata 49 anos. Na fase de instrución do caso recoñeceu que tentou matar a muller na casa familiar de Verín e, semanas despois, cando se recuperaba no hospital, acoitelouna ata darlle morte.

Esta mañá, durante a vista oral que se celebra na Audiencia Provincial de Ourense, o acusado dixo que non lembra nada do ocorrido. O home respondeu aos avogados das acusacións. A defensa non formulou ningunha pregunta.