CRTVG

Buscar

A Vía Künig busca o seu recoñecemento oficial como ruta xacobea

Publicado o 08/01/2019 20:35

Ás rutas xacobeas oficiais xa existentes podería sumarse en breve outra máis, a chamada Vía Künig. Desvíase do Camiño Francés no Bierzo e pasa por Pedrafita, Becerreá, Baralla e O Corgo ata confluír co Camiño Primitivo en Lugo. Cunha gran riqueza paisaxística, o seu nome provén do monxe alemán que a documentou nunha guía no século XV. 

O tramo galego da Vía Künig discorre por Pedrafita, Becerreá, Baralla, O Corgo e Lugo. É dicir, pola antiga vía XIX romana, que hoxe vai parella á N-VI. Co fin de promover o recoñecemento oficial desta ruta xacobea, estes cinco concellos lugueses asinaron un convenio de colaboración para financiar un proxecto que está a ser dirixido polo historiador Javier Gómez Vila.

Javier Gómez Vila, historiador e director do proxecto Vía Künig: "Foi moi utilizada na Idade Media, ata o século XVIII, pero cando se recuperaron os camiños de Santiago no século XX tivo certa preeminencia o Camiño Francés e estas outras quedaron relegadas ao esquecemento".

A Vía Künig recibe o seu nome do monxe alemán que a documentou nunha guía no século XV. Pasa á beira de monumentos coma o castelo de Doncos ou o mosteiro de Penamaior, pero o seu maior valor é natural e paisaxístico. Ademais, o seu trazado é menos empinado ca o doutras rutas.

Javier Gómez Vila, historiador e director do proxecto Vía Künig: "Esta vía é distinta a todos os demais camiños porque combina moi ben a paisaxe. Ten unhas paisaxes fermosas, de bosques autóctonos, cun trazado, ademais, moi doado de facer. Unha das características de Künig é que sempre fuxía das costas. Ao longo da súa peregrinación, sempre evitou as montañas".

O proxecto para que a Vía Künig sexa declarada unha ruta xacobea oficial presentarase perante Patrimonio este mesmo ano.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

08/01/2019