CRTVG

Buscar

As defensas cuestionan a lexitimidade da causa e do tribunal na primeira sesión do xuízo do 'procés'

Publicado o 12/02/2019 21:03

As defensas dos 12 acusados utilizaron esta primeira xornada do xuízo para intentar desacreditar o tribunal que vai xulgar a causa do procés, poñendo en dúbida a súa imparcialidade. Seguindo o argumentario dos últimos meses, algúns deles denunciaron a existencia do que consideran unha causa común contra o independentismo, e referíronse ao proceso como un xuízo político. Todos coincidiron en sinalar que se vulneraron dereitos fundamentais dos acusados.

Andreu Van den Eynde, avogado de Junqueras e Romeva: "Todos os dereitos da Constitución foron restrinxidos neste procedemento. Por que para dar resposta a esta opción política se ten que excepcionar todo o catálogo de dereitos da Constitución". 

Benet Salellas, avogado de Jordi Cuixart: "Este proceso penal oponse á esencia do estado democrático de dereito. É unha derrota colectiva da sociedade española, e insistimos en que este xuízo non debe comezar".

A maioría dos avogados dos acusados cuestionaron tamén os delitos de rebelión e sedición que se lles imputan a 9 deles. 

Mariano Bergés, avogado de Dolors Bassa: "Non é rebelión concentrarse ou manifestarse en contra do sistema constitucional, e tampouco é sedición resistirse a unha disolución".

A avogada de Carme Forcadell pediu que se quite a ex-presidenta do Parlamento catalán da causa, porque di que se lle imputan actuacións que están protexidas pola inviolabilidade parlamentaria, e que, polo tanto, non ten por que ser xulgada.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

12/02/2019