CRTVG

Buscar

Como se debe arrancar o coche tras unha noite fría e de xeadas?

Publicado o 07/01/2019 14:30

As temperaturas extremas, especialmente a chegada do frío, son unha das principais causas que inflúen na vida da batería xa que poden provocar que perda potencia de arranque. Ao ir darlle á chave mellor que calefacción, radio e luces estean apagadas, algo que os coches modernos xa adoitan facer automaticamente. Se o coche ten cambio manual é importante pisar a fondo o embrague, para evitar que o motor de arranque teña que mover toda a transmisión.

Xosé Otero, xefe de posvenda de Compostela Concesionario Kía: "As baterías nestos tempos sufren máis debido a que a densidade do ácido coa que traballa a batería cústalle máis. O que fai que tamén se deterioren con mais facilidade, iso unido ao tempo de emprego da batería".

Por moita présa que teñamos, se o coche non arrinca non debemos forzar coa chave máis de 5 segundos seguidos. En casos así, se o motor non dá sinais de vida esperaremos uns 10 segundos antes de volver tentalo unha segunda ou terceira vez. É convinte conducir amodiño os primeiros quilómetros.

Xosé Otero, xefe de posvenda de Compostela Concesionario Kía: "Os aceites hoxe por hoxe son aceites sintéticos, son aceites moi finiños para que nos poidamos entender todo o mundo e a cualidade que teñen é que chegan moito antes ao punto máis lonxano do motor. Pero si é certo que canto máis frío, mais denso está e máis traballo lle custa co que se dificulta máis o engraxe do motor. Sería recomendable, durante 3 ou 4 minutos antes de iniciar a marcha manter o coche encendido".

Xosé Otero, xefe de posvenda de Compostela Concesionario Kía: "Sería importante conducir de xeito calmado sen levar o coche a un réxime moi alto de revolucións para ir permitindo que ese aceite e os outro lubricantes que leva o coche; líquido de freos, anticonxelante... vaian collendo unha temperatura que ao mesmo tempo faga agradable a condución, porque o anticonxelante ao conseguir unha temperatura de funcionamento óptima tamén permite unha climatización do coche mellor".

De todos os xeitos, hai varias formas de saír do apuro. É recomendable levar pinzas para que poidamos conectalas aos bornes da batería doutro coche e poder poñernos en marcha.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

07/01/2019