CRTVG

Buscar

Esgótanse as reservas por Internet para visitar o Pórtico da Gloria

Publicado o 15/04/2019 18:22

As vacacións de Semana Santa xa se notan nas rúas de Santiago, que se enchen estes días de turistas. 

Este ano teñen un motivo máis para visitar a cidade, poder ver o renovado Pórtico da Gloria.  Iso si, os que non reservaran con antelación vano ter díficil porque as reservas para esta semana están case completas. 

No pazo de Xelmírez comeza a visita guiada ao restaurado Pórtico da Gloria e o goteo de visitantes é continuo dende ben cedo. A obra mestra do mestre Mateo só pode visitarse previa reserva e en grupos reducidos de 25 persoas. Conseguir entrada en épocas coma esta de moita afluencia de público é case imposible. De feito, as entradas por Internet están case esgotadas ata o luns.

Os que non as reservaran con antelación poden probar sorte no despacho de billetes xa que a diario se gardan un número de entrada para despachar presencialmente. Sexa como sexa todos coinciden en que a visita paga a pena.

As entradas custan 10 euros para o Pórtico da Gloria e 12 coa visita combinada ao museo da catedral.

Hai, ademais, 25 entradas que se reparten de balde o día previo á visita e cada domingo 100 prazas tamén gratis para os composteláns.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

15/04/2019