CRTVG

Buscar

Álex Rey: "Debutar co equipo da miña cidade é un soño feito realidade"

Publicado o 15/04/2019 17:48

Brillante partido do Lugo en Córdoba. Goleada convincente deixando a portería a cero e mantendo a distancia co Estremadura. Impulso anímico antes de recibir no Anxo Carro o Granada. Felicidade para os seareiros do Lugo que viaxaron a Córdoba. Día especial para Álex Rey, que debutou co Lugo.

O Lugo saca músculo cando máis o precisa. Cunha exhibición que afunde definitivamente o Córdoba e o mantén a resgardo do descenso. No limiar do minuto once, unha combinación entre Josete e Christian Herrera sacoulle as cores á zaga local e serviulle a Escriche o 0-1. O Lugo pisaba forte. Aburjania topou co traveseiro no seguinte intento galego.

Pero o mellor da tarde quedaría para a segundo acto. No comezo, Lazo abriu de par en par a fenda cordobesa cunha acción extraordinaria. Roubo, avance, dobre caneo e remate para fundir as tearañas. Un gol para a videoteca das mellores dianas da temporada.

En pleno festival, un servizo de Tete Morente púxolle en bandexa a Christian Herrera o seu sétimo gol do curso. Tete Morente aínda completaría noutra contra a maior goleada fóra na historia do Lugo en Segunda.

Un partido redondo cando a pantasma do descenso asomaba por detrás trala sorprendente vitoria do Estremadura de Manuel Mosquera en Málaga, que supuxo a destitución do adestrador malaguista, Juan Ramón Muñiz.

O cadro estremeño visitará Riazor o vindeiro domingo, onde atopará un Deportivo que, tras a derrota en Pamplona, queda fóra da zona de promoción, o que non sucedía dende hai sete meses.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

15/04/2019