CRTVG

Buscar

O Deportivo de Martí arranca con derrota

Publicado o 14/04/2019 14:11

O efecto Martí non foi o desexado e o Deportivo comezou a etapa do novo adestrador con derrota. Christian Santos asustou o Sadar nada máis arrancar o partido e con só 9 minutos transcorridos Quique marcáballe ao seu ex-equipo, logo dunha boa asistencia de Bergantiños. 15 goles suma xa o pucelano, máximo artilleiro do Dépor.

José Luis Martí, adestrador do R. C. Deportivo: "A sensación de que os xogadores deron a intensidade e actitude necesaria para ir pola vitoria. Saír moi valentes como saíron, creo que mellor que o rival, pero si é certo que encaixamos moi rápido ese un a un". 

E tan rápido, a alegría só lles durou aos brancos e azuis catro minutos. Rubén García aproveitou un gran pase de Clerc que pillou nas verzas a Duarte e o Osasuna empataba o encontro.
Os de Arrasate demostraban a súa fortaleza na casa por décimo terceira xornada consecutiva remontando o partido despois dunha falta maxistralmente lanzada por Rubén García. A partir de aí, o mesmo Dépor das últimas xornadas perdido no campo e sen confianza.

José Luis Martí, adestrador do R. C. Deportivo: "Ese estado de ansiedade, de querer ir pola vitoria con urxencia, sabendo que estás por detrás no marcador, buscando demasiados movementos e demasiada velocidade, e tal vez iso condenounos a moita precipitación".

Pablo Marí, R. C. Deportivo: "Entramos nesa precipitación de querer empatar enseguida, balóns moi longos, imprecisións de pases máis curtos, ao final corrixir cousas e traballar moi duro esta semana".

A marxe para a reacción é cada vez menor, só oito xornadas ten Martí para darlle rumbo a este Depor á deriva.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

14/04/2019