CRTVG

Buscar

O Lugo fai historia en Córdoba

Publicado o 14/04/2019 21:25
Os galegos logran a súa maior vitoria en Segunda coma visitante

O Lugo fixo historia en Segunda logrando no Nuevo Arcángel a súa maior vitoria coma visitante. Sete meses despois do único triunfo fóra de casa desta temporada.

E logo de nove xornadas sen gañar.

Todo elo baixo presión. Por un lado a de afrontar o partido en postos de descenso ante un rival directo que se xogaba a súa última posibilidade de permanencia,

Co engadido das baixas que levaron a Josete ao medio campo con Aburjania.

Precisamente un pase de Josete para Cristian Herrera posibilitou o primeiro tanto do encontro marcado por Escriche no minuto doce.

Inmediatamente despois, Aburjania puido facer o segundo, pero estrelou a pelota no traveseiro.

O Lugo foi moi superior a un Córdoba que se agarrou a Andrés Martín como táboa de salvación. O canteirán creou as únicas oportunidades de perigo.

Os de Monteagudo apenas concederon oportunidades de gol e sentenciaron o partido en tres contragolpes.
O primeiro de Lazo á volta do descanso nunha gran acción individual tras unha perda de Bodiger.

O cero a tres antes da hora de xogo nun pase de Tete Morente que aproveita Cristian Herrera para marcar o seu sétimo gol e igualar con Pita como máximo realizador do equipo.

O cero a catro definitivo, xa co canteirán Alex Rey no campo, chegou a tres minutos do remate e serviulle a Tete Morente para marcar o seu primeiro tanto co Lugo e darlle ao equipo un triunfo tan merecido coma necesario.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

14/04/2019