CRTVG

Buscar

O Vilarreal foi o único equipo que gañou na loita pola salvación

Publicado o 15/04/2019 17:45

Dezaoito puntos por disputarse, duelos directos ata o final de liga. Sen ir máis lonxe o Celta - Xirona do sábado en Balaídos. Así está o atasco pola salvación. Xirona trinta e catro puntos, Levante e Vilarreal trinta e tres, o Celta suma trinta e dous e no descenso o Valladolid con trinta e un, o Raio con vinte e sete e practicamente descendido o Huesca con vinte e cinco.

O Vilarreal foi o gran beneficiado da xornada na zona baixa. Con este gol de Samu Chukweze en Montilivi, os groguets saíron do descenso, situándose a un só punto do Xirona e empatados co Levante, que caeu con estrépito en Mestalla. O Valencia aproveitou o seu estado de graza e puido golear, pero o Levante, que non gaña desde hai nove xornadas en Balaídos, mantívose vivo ata a hora de xogo. Só lle durou un minuto a alegría do autogol de Soler, antes de que Guedes e Santi Mina deixaran os seus veciños a só dous puntos do descenso.

E a avaría non é maior porque o Valladolid deixou incomprensiblemente dous puntos na compensación contra o Xetafe, que xogaba con dez, despois de conseguir o máis difícil. Remontar o golazo inicial de Arambarri por medio de Sergi Guardiola e Enes Unal, de penalti. Os pucelanos estragaron o que sería o tres un cun fóra de xogo incrible de Waldo cando só tiña que empurrar o balón, xusto antes de que o VAR ratificara un penalti de Óscar Plano, que Jorge Molita converteu no empate a dous no noventa e catro, metendo o Valladolid no descenso. Tamén segue sen remontar o voo o Raio, que volveu á senda das derrotas en San Mamés, pero vendeu moi cara a súa pel. Ao descanso o partido foise con empate. No treito final resolveron Iñaki Williams e Raúl García e, aínda que maquillou o resultado cun tanto de Raúl de Tomás, o Raio segue penúltimo a cinco da salvación, ou o que é o mesmo, do Celta.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

15/04/2019