CRTVG

Buscar

Segunda xornada contra Papuchi, o hostaleiro vigués acusado de abusos sexuais

Publicado o 12/02/2019 17:16

Sete menores prestaron hoxe declaración no xuízo contra un hostaleiro vigués acusado dun presunto delito de abusos sexuais a dezaoito adolescentes. Fixérono a porta pechada para velar pola súa intimidade e sen contacto visual co acusado. Todos ratificaron as declaracións que xa fixeran na fase de instrución do caso. Os seus avogados pensan que as probas existentes serán suficientes para incriminar o acusado por agresion sexual. Mañá continuará a declaración das vítimas nun xuízo que se vai prolongar ata o venres.

Segunda xornada no xuízo contra o hostaleiro vigués acusado dun presunto delito de abusos sexuais a dezaoito menores entre os anos 2015 e 2017. Sete deles prestaron hoxe declaración. Fixérono a porta pechada para velar pola súa intimidade e, detrás dun biombo, para evitar o contacto visual co acusado.

Todos ratificaron as súas declaracións na fase de instrución tras a denuncia presentada polos seus pais contra o empresario vigués, coñecido como Papuchi, co que entraron en contacto no restaurante que rexentaba. Ninguén do ámbito máis próximo ás vítimas quixo facer declaracións, pero as familias confían na xustiza. Aseguran que as probas existentes permitirán incriminalo. A negación dos feitos por parte do acusado, que se declarou inocente e dixo que non coñecía algúns dos denunciantes, só responde para a acusación a unha estratrexia da defensa.

O acusado enfróntase a cincuenta e catro anos de cárcere, é a pena que solicita o Ministerio Fiscal por presuntos delitos de abusos sexuais, exhibicionismo, provocación sexual e exhibición de pornografía. Está previsto que mañá continúe a declaración dos menores nun xuízo que se prolongará ata o venres e que se celebra a porta pechada.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

12/02/2019