CRTVG

Buscar

Un despezamento de vehículos de Santiago, modelo de empresa integradora para unha vintena de empregados

Publicado o 12/01/2019 13:54

Cen mil pezas de vehículos de segunda man perfectamente ordenadas en baldas grazas ao traballo de doce persoas con distinto grao de discapacidade. O máis veterano, Pablo, leva vinte anos despezando vehículos.

Ter algunha limitación física non supón problema nesta empresa nin para Pablo nin para o resto dos seus compañeiros que encontraron en Trameve unha porta aberta ao difícil mercado laboral. Vicente, por exemplo, non pode coller pesos, pero coa carretilla elevadora é un crack.

Daniel, que ten unha enfermidade de nacemento, xa leva 15 anos en Trameve. Comezou desmontando coches, descontaminando, despois atendendo o público e agora é coordinador de planta.

O máis novo por idade e por contrato é Diego. Estudou mecánica, así que este traballo para el é perfecto. Tanto fotografa as pezas que entran no almacén tras o despezamento, como atende os clientes que non sempre teñen claro o que precisan... Di que a súa discapacidade xenética nos pés e nas mans non lle supón problema para desenvolver as súas tarefas, é evidente, pero os prexuízos son aínda moitos entre a xente corrente e tamén nos empresarios.

O xerente da empresa sabe que os centros especiais de emprego como Trameve son fundamentais para que as persoas con discapacidade poidan ter un proxecto de vida e tamén para que despois desta experencia poidan incorporarse ao mercado laboral ordinario.

En Trameve xa oito traballadores conseguiron, despois de pasar por esta empresa, incorporarse ao mercado ordinario, demostrando así un afán de superación que vai máis aló dos límites impostos.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

12/01/2019