CRTVG

Buscar

Un galego, primeiro campión de España de ondas grandes

Publicado o 12/02/2019 19:32

Hai unha semana, Juan Fernández descansaba na súa casa sen competición á vista. Dúas baixas de última hora no Campionato de España de ondas grandes obrigárono a viaxar o venres a Santander. O sábado proclamouse campión dunha especialidade en que aínda está empezando.

"Nisto teño pouca experiencia. Estou empezando. Hai un par de anos, cando acabei bacharelato marchei para Hawai adestrarme. En Nazaré estiven un par de semanas co meu adestrador, Eric Rebiere, que é quen me dá os consellos".

Juan Fernández pertence á primeira xeración de surfistas galegos que se atreven tamén coas ondas de máis de cinco metros de altura. A localidade portuguesa de Nazaré é a meca europea do surf extremo. Antes de competir alí, ou mesmo en Illa Pancha, na costa de Ribadeo, Fernández necesita cartos para investir na súa propia seguridade.

"O seguinte paso é empezar a adestrarme con moto de auga por seguridade e porque, por exemplo, para competir en Illa Pancha o ano que vén necesítase moto de auga. Unha moto de auga nova debe valer 25.000 euros".

Este estudante de dobre grao de Turismo e Empresariais é o actual campión galego de surf e da Copa de España de 2017.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

12/02/2019