CRTVG

Buscar

Unha ciclista pasa 20 minutos inconsciente ao esfociñarse tratando de evitar un valo

Publicado o 15/04/2019 13:11

O golpe foi de tal magnitude que non se sabe se perderá un ollo, segundo declaracións que fixo o pai da ciclista, unha rapaza de 17 anos que circulaba coa súa bicicleta por esta vía o venres ás nove da noite, cando tratou de esquivar este cercado que ocupa parte da beiravía peonil. Nesa manobra bateu contra un dos marcos que separan a beiravía da estrada e esfociñouse contra un deles.

Como consecuencia do golpe, a rapaciña perdeu o coñecemento e estivo uns vinte minutos tirada na estrada ata que unha muller que viaxaba de copiloto nun coche se fixou en que había unha ciclista ferida na beiravía, polo que lle pediulle ao condutor que parase o coche e inmediatamente avisaron os servizos de urxencia.

Ademais de cinco puntos nunha cella, a rapaza quedou coa cara desfeita e ten abrasións no peito e no pescozo.

O pai da ciclista expresou o seu agradecemento a esta muller que se detivo para socorrer a súa filla e dixo que, de non ser por ela, se cadra a rapaza non estaría viva.

Malia o accidente, esta mañá o valo metálico permanecía no mesmo lugar.
Trátase dunha estrada moi empregada polos veciños para practicar deporte, tanto por ciclistas, coma por corredores ou xente que vai camiñar.

Esta mañá, moitos dos seus usuarios aseguraban que se trata dunha vía bastante segura.

"Eu non a vexo insegura". "As bicis van un pouco mal ás veces". "Ás veces os coches van moi rápido".

O pai da ciclista atribúe o accidente á falta de iluminación e tamén a que non hai sinal ningún que indique a presenza do valado que invade a beiravía, nin tampouco dos marcos, que son un tanto irregulares, xa que algúns están tortos, outros rotos e outros xa nin están.

A rapaza recupérase das feridas na súa casa e o pai presentou denuncia perante a Policía Local.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

15/04/2019