CRTVG

Buscar

A segunda B e a terceira centran o 'Galicia en goles' do Xoves Santo

A Radio Galega ofrece este Xoves Santo unha edición especial do programa
Galicia en goles.

Desde as cinco da tarde, Toni López García dirixe a retransmisión do
derbi galego da segunda B entre o Pontevedra e o Rápido de Bouzas, que
coincide coa xornada 33 na Terceira Galega.

Tras os resultados da pasada fin de semana, o Pontevedra afronta este
encontro na cuarta praza, que conduce á fase de ascenso á segunda
división A, mentres o conxunto vigués reduciu a só tres puntos a
diferenza coa zona de permanencia.

Na terceira adiántanse a este día festivo ata nove encontros,
coincidindo oito deles na faixa horaria de Galicia en goles. Destaca o
derbi do Couto entre o Club Deportivo Ourense e o Centro de Deportes
Barco, aos que só os separan tres puntos na clasificación. En
semellantes circunstancias vanse enfrontar o Arousa e o Choco na Lomba,
xa que os dous conxuntos están parellos e teñen o mesmo obxectivo,
alcanzar a cuarta praza que dá dereito a disputar as eliminatorias de
ascenso.

O segundo clasificado, o Bergantiños, recibe en Carballo o Porriño,
virtualmente descendido, mentres o Compostela, que é terceiro, xoga no
Vero Boquete ante o Arenteiro do Carballiño. Outra das citas atractivas
é o derbi local entre o Paiosaco e o Laracha, que pertencen ao mesmo
concello.

Desde as once da noite, os oíntes poderán escoitar a todos os
protagonistas deste xoves futbolístico nunha edición do espazo Ao
contraataque.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí