CRTVG

Buscar

Diario Cultural

Comeza a entrega dos Premios da Cultura Galega

11/01/2019 - 10:30 h

Os Premios da Cultura Galega premian a excelencia creativa en diferentes ámbitos. A gala ten lugar este venres día 11 no Mosteiro de Montederramo, en Ourense.

O grupo A Roda recibe o galardón do eido da música.

"Este é un recoñecemento a todos os cantantes populares e a música de raíz", conta Alfredo Dourado, fillo dun dos fundadores.

Neste espazo cultural falamos con Luz Darriba, galardoada no eido das Artes Plásticas.

"Non é momento para a cultura nin para as artes plásticas, pero é moi importante visibilizar o traballo das mulleres", explica a artista.

O Festival de Cans recibe este recoñecemento na categoría Audiovisual.

"Isto non funcionaría sen os veciños, os creadores e todas as persoas que nos apoian porque é un proxecto moi colectivo", afirma o seu director, Alfonso Pato.

O Festival de Fiot obtén o premio en Artes Escénicas.

"Conseguir poñer en valor as artes escénicas dende lugares pequenos é algo moi emocionante", indica o seu director, Alberto Sueiro.

"O problema do patrimonio en Galicia é que se non o coñecemos, non o podemos valorar", confirma Antonio Moure, presidente da asociación O sorriso de Daniel, que acaba de recibir o premio no ámbito do Patrimonio Cultural. O presidente define esta asociación como "a voz que cava no deserto do patrimonio galego".

Ramón Villares obtén o premio na categoría de Proxección Exterior.

"Un país é grande en canto que ten unha mirada sólida cara o exterior", declara nas ondas da Radio Galega.

Na categoría de Letras, o galardón vai para Xosé María Álvarez Cáccamo e, no eido da Lingua, para Antón Santamarina.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí