CRTVG

Buscar

Galicia en goles 23:00

Denis Suárez, futbolista galego do Barça

09/02/2017 - 23:03 h

O xogador galego do Fútbol Club Barcelona, Denis Suárez (Salceda, 6 de xaneiro de 1994) afirmou no Galicia en Goles da Radio Galega estar moi triste pola eliminación do Real Club Celta nas semifinais da Copa do Rei de fútbol, posto que lle gustaría poder enfrontarse a eles na gran final. De cara a esa gran final, aínda sen escenario fixado, sabe que non será doado derrotar ao Deportivo Alavés.

Segundo apuntou, o equipo vitoriano é un conxunto moi sólido, cunha gran capacidade defensiva e que xa derrotou esta temporada ao Barça. Ademais, laiouse pola ausencia por sanción na gran final do dianteiro uruguaio Luis Suárez, un xogador clave no Fútbol Club Barcelona.  

O xogador de Salceda é consciente da dificultade de poder ter un oco no once titular do Barça.

Sempre quixen chegar ao máximo nivel, quero estar moitos anos máis no Barça e poder xogar na selección española absoluta

Ademais, manifestou a súa ilusión por xogar no Real Club Celta nun futuro lonxano despois de triunfar no Barcelona onde é consciente do nivel de competitividade. Conxunto no que cohabitan Messi, Luís Suárez e Neymar, futbolistas para Denis “insustituibles simplemente porque son os mellores”.

Para Denis levar o dorsal número 6, herdado de Xavi Hernández, é unha gran responsabilidade por tratarse “dun dos mellores xogadores da historia do Barça”. Para o xogador barcelonista é unha honra levalo el e agarda nun futuro poder chegar á madurez e excelencia futbolística que alcanzou no equipo azulgrana o de Tarrasa. Para iso, é consciente o futbolista galego de que aínda lle queda moito camiño por andar e moitas cousas que mellorar. De cara á temporada presente é optimista e recoñece que o equipo debe aspirar ao triplete, pero admite ao mesmo tempo, que para todo o barcelonismo a Champións é un torneo que fai especial ilusión. 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí