CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Os orzamentos do Estado

11/01/2019 - 08:07 h

Non agardes moito deste pobre xornalista, porque, se non entende moi ben as súas contas, menos vai entender as contas do Estado, que case non as pode ler, de tantos números que teñen. Quizais nunca se falou tanto duns orzamentos coma destes, que levamos meses dándolle voltas á manivela, e estamos como o primeiro día. Dende o punto de vista económico, porque os que entenden andan discutindo se o déficit é o que convén para unha economía que non se sabe como vai ir, pero irá algo peor que o ano pasado, e fálase moito do risco de recesión mundial ante o que o Estado ten que estar preparado con cartos nas arcas polo que poida pasar. Dende o punto de vista operativo, aínda está sen resolver o problema do veto do Senado. E, dende o punto de vista político, o que sabemos todos de tanto machucarnos: estes orzamentos, para seren aprobados, dependen dos independentistas cataláns. E os independentistas cataláns están divididos: os da Esquerra queren botarlle fío ao papaventos, aínda que só sexa para ir gañando tempo. E o señor Torra está manexado a distancia por Puigdemont, que, como está desesperado, é partidario do principio de canto peor, mellor.

E así as contas do Estado xa non son unha cuestión económica, senón unha cuestión política. Mellor dito: de supervivencia política de Pedro Sánchez. Se consegue que llos aproben, Sánchez pode resistir ata o ano 2020. Se non o consegue, non lle quedará máis remedio que convocar eleccións. E, mentres tanto, xogará a gañar tempo, porque é tempo que ten para seguir na Moncloa. Un pouco miserable todo, non lles parece? A lei máis importante do ano, porque decide a política económica, as pensións, o ensino, a sanidade ou os demais desembolsos ás autonomías, non se debería estar tratando con esas miras.

Este cronista o único que pide é que as necesidades políticas persoais de Sánchez non hipotequen as necesidades xerais do país. E engado: que, se mañá Sánchez viaxa a Cataluña buscar ou mendigar apoio, non caia na trampa de ceder soberanía aos cataláns a cambio duns votos que lle sirvan a el. Isto non debería facer falta dicilo, pero hai que dicilo porque existe ese risco. E agora, benquerido Valiñas, hai que agardar para ver que números fixo a ministra Montero e ver se perdeu o tempo en facelos, que tamén é probable. Por non dicir o máis probable.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí