CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Manifestación en Colón

11/02/2019 - 08:06 h

Unha manifestación non é máis ca unha manifestación. Na mesma praza de Colón onde se fixo a de onte fixéronse outras moitas e non se pode dicir que cambiasen a historia de España nin sequera a política dun Goberno. Lembremos as convocadas contra a política educativa ou contra o aborto. O que pasa é que a de onte tiña outros factores que subían o interese: non era convocada só polo PP, senón por Ciudadanos, e sumáronse outros partidos, dende Vox á Falanxe, e parecía que todas as dereitas se conxuraban para botar a Sánchez da Moncloa. Convocouse tamén nun estado de irritación xeral polas concesións de Sánchez ao independentismo. E era unha medición das forzas, ou ben para provocar unha moción de censura ou ben para forzar o adianto das eleccións.

Conseguirase algún deses obxectivos? A moción de censura é unha decisión de Pablo Casado que estaba acariciada de antes. O adianto das eleccións non depende da presión dos convocantes, senón dos independentistas. Eu entendo que, por moito que rompan as negociacións, ao independentismo o que lle interesa é que Sánchez sexa o que administre a situación despois da sentenza do Supremo. Polo tanto, pode deixar a Sánchez sen presupostos –verémolo nos días vindeiros-, pero non fará nada por deixalo caer.

Polo demais, a manifestación non estivo mal de xente, aínda que as 45.000 persoas que di a Delegación do Goberno parécenme poucas. O éxito dunha concentración así empézase a medir a partir dos 100.000 nunha cidade como Madrid e con xente vida de fóra. En canto ao xogo político, o líder de Vox conseguiu subir ao podio, aínda que fose cunha medalla de bronce. Pero subiu, que xa é moito, e iso significa que conta na política nacional. No manifesto que leron tres xornalistas houbo, coma nos discursos que se dixeron os días antes, moita esaxeración. Eu nunca subscribirei unha acusación de traidor ao presidente do Goberno. Quen pense que cometeu delito de traizón debe ir aos tribunais. E a min o que me intriga é o que fixo o Goberno o venres: rompeu a negociación co Goberno catalán. Intrígame que Sánchez diga agora que nunca aceptará a autodeterminación. Cando descubriu que Torra quería esa saída? O mesmo venres? Non a viu antes? Se non a viu antes, non é que sexa traidor, é cego. Ou colleulle medo á manifestación. Se é así, Casado, Rivera e Abascal triunfaron antes de ir á praza de Colón.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí