CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

A Asociación de Hostalería de Pontevedra: "A meteoroloxía condicionará entre un 10 e un 15% da ocupación esta Semana Santa"

15/04/2019 - 08:16 h

O presidente da Asociación, César Ballesteros, dixo no Galicia por diante que a previsión para o conxunto da provincia supera o 80%. Sanxenxo pode rozar o cheo total o bado e o domingo.

"Estamos á espera de ver que ocorre co tempo. Se atendemos aos datos que nos achegan os compañeiros do sector, a ocupación será de algo máis do 80% en toda a provincia de Pontevedra. Nas Rías Baixas, en concreto Sanxenxo, pode achegarse ao 100% durante a fin de semana".

"A meteoroloxía pode facer que baixe entre un 10% e un 15% a taxa de ocupación global, unha porcentaxe bastante significativa. En Galicia, a chuvia adoita causar cancelacións de última hora. Máis ca noutras zonas, como as Canarias ou as Baleares, onde as reservas de voos se realizan con máis antelación. Cando se viaxa en vehículo propio, as reservas fanse a través da páxina web ou de axencias de viaxes, a maioría das veces sen gastos de cancelación. Se chove, o turista que teña previsto viaxar a Galicia pode modificar, case sobre a marcha, o itinerario inicial".

César Ballesteros afirma que o sector turístico contratará cerca de 7.000 persoas en Galicia esta Semana Santa.

"Entre 2.500 e 3.000, aproximadamente a terceira parte dos contratos, vanse asinar na provincia de Pontevedra. A pesar de que en España hai bastante paro, temos dificultades á hora de conseguir persoal hoteleiro e hosteleiro en épocas vacacionais. Sobre todo en zonas como Sanxenxo pola carestía do aloxamento".

O presidente da Asociación de Hostelería de Pontevedra valora de xeito positivo evolución do turismo de cruceiros.

" É un sector que continúa medrando. A competencia en Galicia está, sobre todo, entre A Coruña e Vigo. Tamén despunta con forza na ruta do Atlántico o porto de Leixoes, en Portugal. As cidades teñen que mostrarse atractivas e ofrecer bos servizos ó turista. É lóxico que as rutas vaian cambiando. Se un cruceiro atraca un ano no porto de Vigo, é lóxico que o ano seguinte vaia a Vigo. Entre todos temos que ser capaces de aproveitar ese movemento que xera o turismo de cruceiros".

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí