CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Eva Solla: "Nós traballamos para reeditar a confluencia das pasadas eleccións xerais"

20/02/2019 - 08:05 h

A coordinadora nacional de Esquerda Unida, Eva Solla, descarta a proposta de Luís Villares de concorrer ás eleccións xerais coa mesma fórmula coa que se presentou En Marea ás autonómicas, como partido instrumental.

Nunha entrevista no Galicia por diante, Solla di que "nós estamos traballando para reeditar a confluencia das pasadas eleccións xerais. Xa iniciamos os contactos coas forzas irmás, con Podemos e Anova".

A coordinadora nacional de Esquerda Unida considera positiva a proposta de Xulio Ferreiro, do alcalde da Coruña, de artellar unha coalición de partidos con En Marea, Podemos, Esquerda Unida e Anova.

"Esa fórmula, a da coalición, foi coa que nos presentamos nas pasadas xerais. É a ferramenta coa que estamos a traballar neste proceso de xerais e nese sentido espero que exista capacidade de entendemento para sacala adiante", apuntou.

Solla salienta que En Marea foi primeiro unha coalición con tres forzas e logo "unha ferramenta que construímos como partido". Lamenta que "outras persoas tomasen esa ferramenta para utilizala en aras de convertela nun partido clásico. Algo que nós rexeitamos porque pertencemos a outras formacións políticas. Operan xa como partido e terán que decidir que facer".

Insiste Solla en que "sumar é prioritario. Estas eleccións son moi importantes e as forzas temos que sumar cun acordo en que esteamos todos para frear ese posible ou aparente ascenso da dereita do noso país".

"Non sería positivo ter varias candidaturas. Para a xente que apoiou o proceso de confluencia pode existir confusión á hora de escoller papeletas. A realidade é que nós fixemos todo o que estaba na nosa man para participar dentro de En Marea, pero iso non vai frear que exista unha proposta de esquerda e de confluencia. Nós estamos a traballar para construíla e estamos a falar con Podemos e Anova para integrar as necesidades de cada organización e do tecido social", afirmou. 

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí