CRTVG

Buscar

Os almorzos

"Non sería razoable que nós presentásemos agora os nosos candidatos ás eleccións municipais"

13/06/2018 - 08:23 h

O PPdeG esperará a proclamar os seus candidatos ás eleccións municipais a que remate o congreso extraordinario no que o partido escollerá o substituto de Mariano Rajoy. Adiantábao nos 'Almorzos' do "Galicia por diante" o secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado.

Non sería razoable que nós presentásemos agora os nosos candidatos ás eleccións municipais en pleno proceso de celebración dun congreso nacional. Agardaremos a que finalice o congreso nacional para presentar os nosos candidatos nas sete cidades e no conxunto dos concellos. Nós marcamos como prazo deixar presentados os candidatos antes de que finalice o verán. Ese prazo que nos demos a nós mesmos finaliza o 21 de setembro e nós agardamos antes do 21 de setembro deixar feita a tarefa

Tellado insiste en que lle corresponde exclusivamente a Alberto Núñez Feijóo decidir se dá o salto a Madrid.

A el correspóndelle tomar unha decisión que ten tres compoñentes: é unha decisión persoal, política e institucional. É unha decisión complexa, que saberá resolver antepoñendo o interese xeral por riba dos particulares, partidistas e políticos. Estou seguro de que vai acertar

O secretario xeral do PPdeG afirma, en todo caso, que sería perfectamente posible compatibilizar o cargo de presidente da Xunta coa presidencia do Partido Popular e aposta por unha candidatura gañadora e de unidade para tomarlle a remuda a Mariano Rajoy.

É un congreso participativo. É bo que haxa varios candidatos, pero hai que elixir un íder que saiba representarnos a todos. No PP de España a maioría quere un proxecto gañador. Entre todos hai que construílo; o importante non son as persoas, son os proxectos

Tellado elude pronunciarse sobre as quinielas que o sitúan entre os candidatos a suceder a Feijóo en Galicia. Recalca que non hai nada decidido e que de momento o líder do PPdeG é Alberto Núñez Feijóo.

O PPdeG ten un gran líder que se chama Feijóo. Nin marchou nin dixo que teña intención de facelo e non se pode falar de futuribles mentres non se produzan

O secretario xeral do PPdeG cre que o Goberno deseñado por Pedro Sánchez vai ser o máis feble da democracia española. Lembra que as primeiras críticas que recibiu viñeron dende os partidos que apoiaron a súa investidura. Tellado opina que o mandatario socialista só ten unha meta: as próximas eleccións xerais.

Non fixo un Goberno; fixo un cartel electoral: un Goberno populista moi mediático que non está aquí para xestionar nada. Sánchez só ten unha prioridade que se chama Pedro Sánchez e vai centrar a súa actividade na súa carreira política e na súa proxección persoal

O secretario xeral dos socialistas galegos cualifica de incoherente o Partido Socialista. Non entende como pode xustificar unha moción de censura "en base a unha sentenza de hai vinte anos que aconteceu en dous concellos madrileños, cando teñen en Andalucía o Goberno máis imputado e agora vemos que ten membros do seu Executivo inmersos en causas difíciles de explicar", en relación á condena por fraude fiscal ao ministro de Cultura e Deporte, Máxim Huerta.

Tellado está convencido de que a maior parte dos políticos do PP e tamén do PSOE son honrados, pero recalca que "os que nos dedicamos á política temos que ter condutas exemplares e é razoable que se nos esixa máis que ao conxunto da cidadanía". O número 2 do PPdeG matiza as declaracións do presidente do Parlamento de Galicia, quen asegurou que non se pode dicir na Cámara que o PP é un partido corrupto. Segundo Tellado, o que pretende Santalices con isto é "dignificar o debate político" porque, ao seu xuízo, "non se debe converter a Cámara nunha lameira, xa que, ao final, isto non consegue votos; só xera o rexeitamento da cidadanía".

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí