CRTVG

Buscar

Os almorzos

"Eu creo que debe liderar o partido en Lugo o alcalde de Castroverde, Xosé María Arias"

14/11/2017 - 08:22 h

O senador do PSdeG en Lugo, Ricardo Varela, aposta polo alcalde de Castroverde para dirixir o partido na provincia, que leva dous anos rexido por unha xestora. Canda el presentaron a súa precandidatura outros dous aspirantes: o voceiro do Goberno provincial, Álvaro Santos, e a tenente de alcalde de Burela, Patricia Otero.

Para o senador socialista, José María Arias é o candidato máis axeitado para coller as rendas do partido na provincia. Así o xustificaba nos Almorzos do 'Galicia por diante':

Eu creo que debe liderar o partido alguén que teña experiencia e capacidade para empurrar e gañar; e persoalmente penso que a persoa que reúne estes requisitos é o alcalde de Castroverde, Xosé María Arias

Os tres precandidatos teñen ata o 20 de novembro para presentar os avais necesarios para concorrer a este proceso. Álvaro Santos, besteirista, conta co apoio do presidente da Deputación; a candidatura de Patricia Otero foi promovida polos militantes que apoiaron decididamente a Gonzalo Caballero nas primarias socialistas, e o alcalde de Castroverde, Xosé María Arias, está vencellado cos críticos á xestión da anterior directiva. As primarias celebraranse o vindeiro 3 de decembro.

Na entrevista, o voceiro de emprego no Senado avaliou o último dato do paro, que revela un incremento do desemprego en outubro e unha baixada no cómputo interanual. A xuízo de Ricardo  Varela, os datos de ocupación achegados polo Goberno son unha falsidade.

Se analizamos as horas traballadas en 2011 e 2016, vemos que hoxe estamos traballando menos que en 2011. Habendo máis empregos, hai menos traballo porque se fragmentou e se precarizou. Onde antes traballaba unha persoa oito horas agora traballan catro persoas, dúas horas cada unha

Ricardo Varela presentou unha iniciativa na Cámara Alta para evitar que os empresarios paguen de menos aos traballadores que cobran a nómina en efectivo. Salienta que, quince anos despois do accidente do 'Prestige', se avanzou moito na concienciación social, pero non nas medidas postas en marcha pola Administración para evitar un accidente similar.

As administracións teñen que seguir traballando no control dos tráficos e seguridade" para evitar unha catástrofe similar á do Prestige

Varela defende a aplicación en Cataluña do artigo 155 da Constitución "porque estaba en risco a estabilidade do país e o traballo feito para asentar a democracia", aínda que recoñece que sería bo que non se chegase a esta situación. Cre que non é momento para afondar no que o Goberno central non fixo para evitalo, aínda que pensa que "haberá que falar no futuro de por que se chegou a esta situación".

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí