CRTVG

Buscar

Os almorzos

Xavier Labandeira, catedrático de Economía da UVigo e director do grupo Economics for Energy

19/06/2017 - 09:26 h
Xavier Labandeira, catedrático de Economía da UVigo e director do grupo Economics for Energy

O economista Xavier Labandeira, catedrático de Economía na Universidade, director do grupo Economics for Energy e experto na análise económica do cambio climático, advertiu hoxe que o incendio de Portugal, onde morreron máis de de 60 persoas, debe obrigar a todo o mundo a reflexionar e, sobre todo, a adaptar todas as políticas e decisións.

"Isto abre dúas reflexións. Unha: que isto está en marcha, que non podemos negalo, que temos que estar preparados, que temos que actuar para que isto non vaia a máis, que temos que intentar reducir emisións, etc. A segunda: que temos que poñernos moi en serio con políticas de adaptación".

"O que pasou en Portugal é unha lección sobre iso: como é moi necesario prepararse moi en serio, adaptarse aos problemas do cambio climático. Iso implica, no eido forestal, probablemente regular iso doutra maneira".

"Realmente cambia. Todo iso implica un cambio na forma de utilizar os nosos recursos. A pesar de que os políticos tentasen sacar isto de riba, eu creo que implica un cambio de políticas públicas: neste ámbito de urxencias, de como se xestionan situacións deste tipo".

"Non vale dicir que a natureza é impredicible. Non é que non se poida facer máis: temos que atender os académicos portugueses, que advirten desde hai tempo que realmente este é un gran problema e que pode haber unha desgraza, e produciuse. Non se pode dicir que isto non se prevía, que o lume se foi das mans... Temos que cambiar todos a cabeza e isto son cousas que espertan".

Labandeira destacou a "grande anomalía climática" destes días en Portugal e en Galicia, con 14 ou 16 graos por riba da media de máximas entre 1981 e 2010.

"O que tememos non é un grao máis, senón os eventos extremos coma estes días", dixo.

Na entrevista, Labandeira tamén advertiu das consecuencias que pode ter o feito de que o Goberno dos Estados Unidos decidise botarse fóra do Pacto de París, que prevía reducir as emisións contaminantes. Segundo o catedrático da Universidade de Vigo, "iso pode abrir a caixa de Pandora" e facer que máis países decidan facer o mesmo, para non perder competitividade.
Labandeira defendeu as enerxías renovables, especialmente a solar, a eólica, "a pesar da parada que hai en Galicia", e a hidráulica. E criticou abertamente que estea aberta a central térmica de Endesa nas Pontes, xa que é moi contaminante, con carbón traído do estranxeiro.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí