CRTVG

Buscar

Vídeopodcast

A RG presenta a nova canle diariocultural.gal

08/11/2018 11:00 h

A Radio Galega lanza diariocultural.gal, a canle dixital do Diario Cultural, co obxectivo de ser o referente de todas as manifestacións culturais de Galicia a partir dos contidos que produce o programa para a súa emisión analóxica e a produción de contidos diferenciados destinados especificamente para o dixital.

O novo Diario Cultural e a súa canle dixital www.diariocultural.gal forman parte da estratexia da Corporación Radio Televisión de Galicia en materia de cultura que se enmarca no proxecto #Cultura365. Despréndese del un modelo baseado na programación cultural especializada os 365 días do ano na radio, a través do Diario Cultural, e na televisión, por medio do programa ZigZag -que esta temporada se emite na primeira canleo sábado e o domingo-.

O cambio de formato que asumiu o Diario Cultural na Radio Galega co arranque da temporada 18-19 compleméntase agora cunha estratexia dixital. Cun deseño concibido enorixe para dispositivos móbiles, www.diariocultural.gal ofrece os podcast de todas as edicións do Diario Cultural. Este programa, dende o pasado mes de setembro, dobrou a súa duración coa posta en marcha de catro edicións de luns a venres -ás 10:30, 14:45,17:30 e 20:50-. Asimesmo, corrixiu a carencia de programación de cultura xeralista na finde semana con tres edicións, os sábados ás 09:30 e os domingos ás 09:30 e ás 14:15. Estes podcast poderán descargarse tamén en iTunes e Ivoox.

O novo proxecto do Diario Cultural apóiase de xeito significativo en figuras destacadas do espectro cultural galego que colaboran cada día, como voces expertas, co seu coñecemento especializado. Trátase de Emilio Españadero, Rosario Sarmiento, Armando Requeixo, Rub Balbís, Alba Cid, Luis Miguel Crespo, Roberto Pascual, Miguel Anxo Prado, Carlos Portela, Begoña Vázquez, Tito Lesende, Montse Pena Presas, Beli Martínez e Carlos Ares. Todas as súas colaboracións semanais estarán a partir de agora recollidas en diariocultural.gal, co obxecto de garantir a súa recuperación en calquera momento á audiencia da CRTVG.

O vídeo será outro dos elementos diferenciadores desta canle dixital que prevé converterse en referencia en Galicia nun breve espazo de tempo pola cantidade e calidade dos seus contidos. Para isto, conta cunha canle de Youtube na que se colgarán as ‘Caras B’ dos programas e conversas cos protagonistas dos nosos programas que non poderán escoitarse na emisión en analóxico. Deste xeito, a Radio Galega camiña, a través do Diario Cultural, cara á creación de contidos específicos para o dixital.

Na procura da cultura-coñecemento, o Diario Cultural busca o debate en profundidade arredor da cultura nas súas distintas manifestacións cunha mostra da produción e o debate que se produce en Galicia e con diariocultural.gal como nexo e espazo de reflexión. Para isto, ademais do podcast, ofrecerase toda a produción especializada en cultura da Radio Galega a partir de noticias, reportaxes, entrevistas e crónicas.

Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí