CRTVG

Buscar

Concursos

BASES DO CONCURSO “O TEMPO” DE TVG

Primeira.- Obxecto

A Corporación Radio e Televisión de Galicia, S.A. na súa canle Televisión de Galicia, organiza un sorteo semanal entre os remitentes das fotografías emitidas durante a semana anterior nos seus espazos meteorolóxicos. 

As fotografías presentadas deberán ter como temática a meteoroloxía na Comunidade Autónoma de Galicia e deberán ser inéditas

Non poderá participar no sorteo o persoal da Corporación de Radio-Televisión de Galicia, os seus respectivos cónxuxes e os familiares ata o segundo grao de consanguinidade e afinidade.

Os participantes deberán ser maiores de dazaoito anos. 

Segunda.- Forma de participación

Os interesados en participar deberán enviar as súas fotografías ó enderezo de correo electrónico otempo@crtvg.es e ao número de Whatsapp de O Tempo 687967292

Os participantes mandarán as fotografías en formato JPG e os datos de: enderezo de correo electrónico, nome, apelidos, DNI, enderezo postal, teléfono de contacto, o lugar onde se realizou a fotografía e a indicación clara de que desexan participar no concurso e coñecen as súas bases.

Terceira.- Desenvolvemento do sorteo

De entre todas as fotografías recibidas, que reúnan os requisitos esixidos,  serán seleccionadas polos responsables do programa “O Tempo” aproximadamente quince (15) fotografías diarias. Os criterios aplicados para está selección serán, ademais da súa relación coa meteoroloxía, a calidade técnica e artística da fotografía, a súa relación coa actualidade informativa meteorolóxica e que permitan á audiencia de TVG coñecer o estado do tempo noutros lugares de Galicia. Estas decisións serán inapelables.  

Os programas onde se emitirán as fotografías seleccionadas son “Bos días”, “A Revista” nas súas variantes de mañá e fin de semana, e “O Tempo mediodía” e “O Tempo serán” e “Telexornal mediodía” e “Telexornal serán”.

Nas instalacións da CRTVG escolleranse cada luns, durante o período do sorteo, tres remitentes ao azar que serán os gañadores semanais. O sorteo realizarase ante tres persoas traballadoras da CRTVG, que darán fé da aleatoriedade do sorteo e será gravado en soporte audiovisual.

Participarán todas as fotografías emitidas na semana anterior ao luns do sorteo ( sendo o primeiro espazo de difusión da semana o Bos días do luns ata O Tempo Serán do domingo) dándose a coñecer os gañadores no programa O Tempo Mediodía cada luns do período de vixencia deste sorteo. 

Os gañadores semanais non poderán participar no sorteos das seguintes semanas, non obstante si poderán enviar fotografías.

No caso de que algún dos gañadores renuncie ao premio, ou se a CRTVG, S.A. non pode poñerse en contacto con estes a través do correo electrónico e do número de teléfono facilitado nun prazo de setenta e dúas (72) horas, o premio sortearase nas semanas posteriores.  

No caso de que a CRTVG, S.A. comprobase que non cumpren os requisitos para participar, non se lle entregará o premio obtido.

Cuarta.- Duración 

O sorteo comezará o día 31 de decembro de 2018 e finalizará o 28 de xaneiro de 2019 Poderanse enviar fotografías desde o 24 de decembro de 2018.

Quinta.- Premios

O premio deste sorteo consiste en quince (15) estancias, a razón de tres (3) estancias cada semana para dúas persoas no Eco-Resort Pueblo Astur en Cofiño s/n Arriondas (Asturias). 

Cada premio inclúe unha noite de hotel en habitación dobre panorámica Nature con almorzo “nature slow” incluído; circuíto de hidroterapia para dúas persoas no Centro Wellness Nature e un menú especial “Puebloastur” para dúas persoas (bodega incluída).  

A estancia está suxeita á dispoñibilidade do hotel baixo petición, exceptuando temporada alta con data límite de estancia o 20 de xuño de 2019.

O valor do premio por  persoa é de 250€ (IVE incluído)

O gañador ten dereito a renunciar ao premio gañado, pero non poderá, en ningún caso, cambialo por outro distinto.

Enviarase un certificado para o cumprimento das obrigas con Facenda.

Sexta.- Dereitos cedidos 

Os participantes ceden á CRTVG, S.A. os seguintes dereitos sobre as fotografías: explotación, reprodución e distribución en calquera soporte, e comunicación pública por televisión, calquera que sexa a modalidade técnica empregada, ondas de terra, cable, satélite, libre, codificada ou de pagamento, incluído o pagamento por visión, televisión por protocolo de internet (IPTV) o vídeo á demanda, o vídeo case á demanda, televisión de mobilidade e calquera outra coñecida, por Internet e demais redes de telecomunicación informáticas e de telefonía.

Os anteriores dereitos serán cedidos na medida en que os require o Real Decreto Legislativo 1/1996, do 12 de abril, polo que se aproba o texto refundido da Lei de Propiedade Intelectual, regularizando, clarexando e harmonizando as disposicións legais vixentes sobre a materia, para todos os países do mundo, polo tempo máximo nel establecido.

Sétima.- Aceptación das bases

A participación no sorteo supón a aceptación na súa totalidade das presentes bases, que poden ser consultadas polos participantes na páxina web www.crtvg.es 

O organizador resérvase o dereito de retirar ou modificar a mecánica do sorteo á súa enteira discreción, para o cal informará pertinentemente a través dos mesmos medios nos que se publicitou o concurso, modificando as bases, se o considerara oportuno.

En caso de controversia ou discrepancia derivada da interpretación destas bases, prevalecerá o criterio da CRTVG

Oitava.- Protección de datos de carácter persoal.

A Corporación Radio e Televisión de Galicia, S.A. (Corporación RTVG) informa que, con base no Regulamento UE 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello de 27 de abril de 2016, relativo á protección de persoas físicas respecto ao tratamento de datos de carácter persoal e á libre circulación deses datos (RGPD), a finalidade da recollida e tratamento dos datos de carácter persoal que o PARTICIPANTE nos facilita durante a súa participación no concurso, e que fai referencia a datos de carácter persoal, resulta necesario para o desenvolvemento e cumprimento do concurso. Informámoslle que ditos datos non serán cedidos a terceiros sen o seu expreso consentimento salvo obriga legal ou base xurídica que o lexitime e serán conservados unicamente polo tempo que legalmente corresponda. Poderá exercitar os seus dereitos de Acceso, Rectificación, Supresión, Oposición, Limitación e Portabilidade por correo postal á dirección propia da Corporación RTVG indicada no encabezado do contrato, ou mediante correo electrónico na dirección lopd@crtvg.es, en ambos casos xuntando copia do DNI. Tamén poderá presentar unha reclamación ante unha autoridade de control. 

 Novena.- Exención de responsabilidade por mal funcionamento da rede

 A CRTVG queda exonerada de toda responsabilidade en caso de mal funcionamento das redes de comunicación telemática que impidan o normal desenvolvemento desta iniciativa por causas alleas a aquel e especialmente por actos externos de mala fe. Tampouco será responsable a CRTVG dos problemas de transmisión ou perda de datos non imputables a esta.